A alcaldesa, acompañada polos concelleiros Yoya Neira e Jesús Celemín, tomou parte na andaina contra o vandalismo urbano que levou a cabo o alumnado do CEIP Eusebio da Guarda
A alcaldesa, Inés Rey, e os concelleiros Yoya Neira e Jesús Celemín, tomaron parte esta mañá na andaina ‘O Eusebio da Guarda móvese contra o vandalismo na cidade’, unha iniciativa impulsada desde a Fundación Barrié en colaboración coa Asociación para a Prevención e a Educación Social (APES), co apoio do Concello, no contexto do proxecto #SenVandalismo, no que o colexio coruñés participa co obxectivo de concienciar á cidadanía para coidar o patrimonio público.
Á andaina, que comezou ao mediodía ás portas do CEIP Eusebio da Guarda, asistiron 25 nenas e nenos de sexto ano de Primaria, que percorreron a praza de Pontevedra, a rúa Juana de Vega, os Cantóns e a Mariña ata chegar á praza de María Pita, ecuador dun traxecto de ida e volta ao seu centro educativo.
Polo camiño, as pequenas e pequenos, repartidos en pequenos grupos, repartiron entre acidadanía diversos folletos informativos ideados baixo unha premisa clara: traballar pola prevención dos actos vandálicos, polo benestar cidadán. Inés Rey valorou esta proposta da rapazada: “Celebramos que desde os centros educativos se leven a cabo este tipo de accións, porque é moi importante concienciar as novas xeracións sobre o coidado das cidades, do que é de todos”.
A alcaldesa recordou, ademais, que foi no vixente mandato cando se acometeron medidas como a supresión do botellón en espazos públicos, e tamén a posta en marcha da Oficina Virtual do Graffiti, unha iniciativa promovida desde a área de Medio Ambiente co obxectivo de ofrecer unha canle permanente de comunicación coa cidadanía que axude a eliminar as pintadas vandálicas en todos os barrios da cidade. No que vai de mandato, suprimíronse máis de 8.000, estimou Inés Rey.
María Blanco, coordinadora do servizo de Orientación no CEIP Eusebio da Guarda, subliñou que a andaina deste martes, contextualizada na programación de actividades de habilidades sociais que se executa no centro educativo, contribúe a concienciar sobre a necesidade de reducir o gasto público derivado dos arranxos por actos vandálicos “para que ese investimento se destine a outras cousas”.
Na andaina participaron, ademais, Teresa Presedo, representante da Fundación Barrié; Raquel Rodríguez, representante da asociación APES; así como persoas integrantes do corpo docente do CEIP Eusebio da Guarda e persoal da Policía Local e Protección Civil.