O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá o acto de presentación das accións incluidas no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) da Vía Verde Compostela-Tambre- Lengüelle e financiadas con 1,4 millóns de euros polo Goberno de España a cargo do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; do vicepresidente provincial, Xosé Regueira; do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e do presidente da Asociación de Concellos da Vía Verde, Antonio Leira. No acto tamén estiveron presentes os rexedores dos outros catro concellos polos que pasa a Vía Verde, Juan Manuel Rodríguez (Cerceda), Antonio Pereira (Tordoia), José Luis Martínez (Ordes) e Luís Rey (Oroso), e a concelleira de Medio Ambiente de Santiago, Mila Castro.
No acto salientouse que en breve sairá a licitación a obra do primeiro tramo da Vía Verde ao seu paso polo concello de Santiago. A Deputación da Coruña levará a cabo as actuacións de contratación, execución e dirección das devanditas obras, que contan cun orzamento para ese primeiro tramo de preto de 800.000 euros; 500.000 euros achegados polo ente provincial, e 300.000, polo Concello.
Segundo indicou Formoso, no mes de marzo a Deputación vai aprobar a parte de financiación que lle corresponde para este primeiro tramo “xa para iniciar a licitación dos traballos que van corresponder a 2,100 quilómetros” co obxectivo de que esta primavera comecen as obras. Logo continuarase ata completar o total de 10,500 quilómetros. O investimento global dos dous tramos ascende a 1,6 millóns de euros.
A segunda fase do tramo compostelán, que vai desde o PQ 2+200 ata o PQ 10+200 suporá outros 800.000 euros de investimento, dos que 300.000 euros serán aportados polo Plan de Sostibilidade Turística en Destino presentado hoxe; 250.000 euros pola Deputación da Coruña e 250.000 euros polo Concello de Santiago. Actualmente a Fundación Ferrocarriles Españoles está adaptando o proxecto, seguindo a mesma liña que nos restantes tramos.
Xosé Sánchez Bugallo salientou a importancia deste tipo de proxectos que “non só teñen interese turístico, senón que tamén inciden na saúde e na calidade de vida da cidadanía”. Manifestou a súa satisfacción polo avance do proxecto coa saída a licitación desta primeira fase, “a máis curta e a máis cara porque colle os dous túneles”, e amosou o seu convencemento de que “nun prazo curto de ano ou a no e pico poderemos ter toda a ruta e contectar o Sar, o Sarela, Milladoiro, a Silvouta e chegar á beira de Bertamiráns”. “Unha oferta fantástica para poñer en valor o noso patrimonio”, engadiu.
Proxecto de acondicionamento da Vía Verde
O proxecto da Vía Verde ten por obxecto o acondicionamento deste trazado ferroviario da liña Santiago – A Coruña entre as inmediacións da antiga estación da Sionlla de Abaixo e o límite do termo municipal co concello de Oroso, nas inmediacións do núcleo de Sigüeiro e nas próximidades de Bálsoma, que quedou en desuso coa entrada en servizo do novo eixo atlántico de alta velocidade. Está previsto acondicionalo para camiñantes e ciclistas así como para persoas que presenten algún tipo de discapacidade.
Actuarase na primeira fase sobre 2,165 quilómetros, que non producirán afección algunha sobre bens de interese cultural ou xacementos arqueolóxicos, xa que non afecta directamente a ningún elemento catalogado, ao discurrer o proxecto sobre a plataforma xa existente do antigo ferrocarril.
O primeiro tramo a rehabilitar contempla un trazado no que se atopan dous túneles. Un a medio quilómetro da estación da Sionlla, que discorre baixo a N-550 e conta con 454 metros de lonxitude, que se atopa nun bo estado xeral, segundo o informe do proxecto, aínda que presenta filtracións, máis importantes nos longos periodos de choiva.
O segundo túnel, de 385 metros de lonxitude, transcorre baixo o Monte Cacheiro e o Camiño de Santiago Inglés, na variante de Agualada. Atópase máis deteriorado que o anterior, cun nivel elevado de filtracións de auga.
Entre as actucións que se van realizar figura a roza e retirada de vexetación, cascallos e lixos, no seu caso; o reperfilado e nivelación da capa de balasto existente; o estendido e compactación dunha capa de zahorra de espesor medio de 15 cm.; e o perfilado e execución de cunetas.
As solucións sinaladas aseguran unha gran accesibilidade, xa que permiten o percorrido de todo tipo de bicicletas, de cadeiras de rodas, de carriños de bebés e de persoas con minusvalías. A maiores, confire un gran atractivo á Vía Verde, pois permite que os usuarios a perciban como un “novo produto”, perfectamente definido e diferente doutros existentes, e que facilita o percorrido e acceso aos puntos de interese.
Tamén está prevista a instalación de elementos de protección, como varandas, elementos de sinalización e elementos auxiliares, como indicación de puntos quilómetricos, pivotes extraíbles, aparcabicicletas e bancos e mesas nas áreas de descanso; e a iluminación dos túneles con lámparas leds, alimentadas por paneis solares.