Friday 22 de November de 2024

A Xunta remata as obras do pavillón deportivo de Monte Alto ás que destinou máis de 445.500€


— O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou tamén que están en proceso de licitación as melloras pendentes nos pavillóns Monte das Moas, Elviña II e Agra II

— Fíxoo durante a entrega do equipamento concedido a 25 dos 79 clubs, sociedades anónimas seccións deportivas e federacións da área coruñesa beneficiarios na segunda convocatoria da liña de axudas destinada en 2022 á dotación de material

— Resultaron beneficiarias 42 entidades da cidade coruñesa xunto con outras dos concellos de Abegondo, Arteixo, Betanzos, Bergondo, Cambre, Coirós, Culleredo, Miño, Oleiros e Sada por un importe de máis de 479.800 euros

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou hoxe que xa están rematadas as obras de mellora levadas a cabo no pavillón deportivo de Monte Alto, nas que a Xunta investiu máis de 445.500 euros. Deste xeito, xa se retomaron o pasado luns, 6 de febreiro, os adestramentos e esta mesma fin de semana farano as competicións.

O Club Patinaxe Lenda de patinaxe artístico, o Orillamar S.D. de fútbol sala, As Brigantias Roller Derby, o Hóckey Club Borbolla e o club de hóckey sobre patíns, baloncesto e patinaxe artístico Dominicos terán á súa disposición unhas instalacións renovadas, ao igual que o alumnado do CEIP Torre de Hércules e os membros da AMPA Torre de Hércules.
As actuacións realizadas inclúen melloras de accesibilidade, na pavimentación do exterior, no pintado da pista deportiva e na colocación de proteccións na zona de espera de xogadores de hóckey ou na renovación dalgúns aseos e da iluminación con novas lámpadas. Ademais, dotouse aos vestiarios de novo mobiliario, instaláronse novos sistemas de detección e alarma e colocáronse carteis identificativos no exterior e interior.
Diego Calvo aclarou tamén que as obras previstas nos pavillóns de Monte das Moas, Elviña II e Agra II están pendentes de licitarse. Estas actuacións máis as xa rematadas en Monte Alto supoñen máis de 2M€ por parte da Xunta, aos que hai que engadir outros 300.000 euros anuais no mantemento destas catro instalacións deportivas que son empregadas por máis dunha trintena de entidades con 257 horas semanais.
Estas obras supoñen un paso máis na mellora das instalacións deportivas da cidade coruñesa. Cómpre lembrar que o pasado outubro xa se presentara o novo contrato de xestión dos complexos deportivos de Elviña I, Sardiñeira e Agra I co que se saldou unha débeda ca urbe. Un acordo que inclúe 5,5M€ en obras nos 3 edificios co obxectivo de dar un servizo de calidade aos seus 15.000 socios.
Entrega de equipamento deportivo
O vicepresidente segundo fixo estes anuncios hoxe durante a entrega do material deportivo concedido a 25 das 79 entidades deportivas da área da Coruña na segunda convocatoria de axudas en 2022 destinada á dotación de equipamento deportivo. As federacións, clubs, sociedades e seccións deportivas da área coruñesa recibiron material por un monto de 479.800 euros. Ademais das 42 entidades beneficiarias de cidade coruñesa, o investimento tamén chegou a clubs dos municipios de Abegondo, Arteixo, Betanzos, Bergondo, Cambre, Coirós, Culleredo, Miño, Oleiros e Sada. Á entrega de hoxe tamén acudiron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

A Xunta investiu o ano pasado na provincia da Coruña arredor de 1,6M€ en equipamento deportivo a 279 entidades. A maior parte da contía -1,3M€- corresponde ao material cedido a 235 clubs, sociedades e seccións deportivas da provincia, xunto co apoio a 5 federacións, 4 delas na cidade coruñesa: as de actividades subacuáticas, rugby, pelota e tiro con arco. Na primeira convocatoria das subvencións tamén recibiu apoio a Federación Galega de Atletismo.

En toda Galicia entre as ambas ordes de axudas convocadas o ano pasado para este fin acadouse un investimento histórico de 4,6M€ que permitiu dotar do material necesario a máis de 800 entidades deportivas para garantir a súa actividade e funcionamento. Desde 2009 destináronse 10,3M€ a subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos, resultando beneficiarias máis de 1.700 entidades deportivas.

Entre os clubs beneficiarios asistentes ao acto de hoxe, da cidade da Coruña houbo representación do Club Deportivo Inclusivo Enki, o Real Náutico da Coruña, o Club Náutico Marina Coruña, o Club do Mar de San Amaro, o Sporting Club Casino, a Agrupación de Montañeros Independentes, a Sociedade de Montaña Artabros, o Club Ximnasia Fibra, o Atlético Coruña Montañeros, o OAR Coruña de balonmán, o club Zalaeta 100 tolos de esgrima, o Club Silva S.D. de fútbol, o 5 Coruña Fútbol Sala e o club de atletismo e baloncesto Compañía de María. Asistiron tamén representantes do Club Judo Arteixo, do Club Salvamento Arteixo e do Club JFR Taekwondo do municipio arteixán; do Club Náutico de Miño; do Club Lanzadores Coruña, do Club Regatas Perillo e de La Vieja Escuela Surf&Skate, os tres de Oleiros; o Club Alamar de vela lixeira de Sada; xunto co club Kwon Taekwondo e Troula Betanzos Fútbol Sala, ambos de Betanzos.

Diego Calvo puxo en valor que a Xunta apoia o tecido deportivo da área coruñesa coa entrega de equipamento a estes clubs, sociedades e federacións. Inclúese tanto material específico para levar a cabo cada disciplina -embarcacións, tapices, xavelinas, pistas de esgrima, material de escalada, velas, vallas de atletismo, patíns…-; ademais doutro material básico como furgonetas, material de ximnasio ou marcadores; e material sanitario como caixas de primeiros auxilios, desfibriladores e padiolas.