Casa da Cultura, 11:30h
O novo escenario das axudas da Política Agraria Común para o período 2023-2027 introduce numerosos cambios que están xerando moitas dúbidas no sector agrogandeiro, sobre todo no referido a contías, sistema de reparto e condicións que se deben cumprir para percibir unhas achegas que levan anos sendo parte fundamental das rendas das pequenas explotacións. Para tentar aclarar conceptos, a Consellaría do Medio Rural ofrecerá este venres 17 de febreiro na Casa da Cultura -11:30h- unha charla informativa na que se abordarán as principais novidades dunha normativa de ámbito comunitario na que, ao parecer, agora cobra maior importancia a sostenibilidade ambiental e social.
Segundo informa Medio Rural, a PAC 2023-2027 muda con respecto aos periodos anteriores en canto a obxectivos e condicionantes das axudas,” sendo estes cada vez mais ambiciosos nos criterios ambientais e climáticos, co fin de acadar os obxectivos do Pacto Verde Europeo e as estratexias da Granxa á Mesa e Biodiversidade”. Do mesmo xeito, segundo apunta a Consellaría, á hora de asignar as axudas Europa aposta pola produción ecolóxica, “unha produción á que moitas gandarías e explotacións agrícolas están mais próximas do que pensan as persoas titulares”.
Na información que lle enviou ao Concello, Medio Rural adianta que na charla se tratarán as novidades da PAC 2023-2027 respecto ao anterior período, 2015-2022, así como dos condicionantes que deberán cumprir as persoas beneficiarias e, nomeadamente, os relacionados coas esixencias ambientais. Entre outros aspectos comentaranse aqueles que xeran máis dúbidas, como son a figura do agricultor/a activo, a axuda básica á renda para a sostenibilidade, os pagamentos redistributivos, a condicionalidade social e a condicionalidade reforzada.
“Vanse ver temas que lles preocupan aos gandeiros e gandeiras, como a adaptación dos Dereitos de Pago Base ás novas rexións; os Ecoreximes de aplicación en Galicia; as compatibilidades entre liñas, así como todas as Axudas de Agroambiente e Clima, nas que destacan a liñas de compromisos ecolóxicos, por ter unhas primas moi interesantes, mais elevadas que no período anterior e que o resto das axudas de Agroambiente e Clima”, explican desde a Oficina Agraria Comarcal.
A Comisión Europea ten aprobado o Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PAC) 2023-2027 presentado por España. Unha PAC que pretende ser, tal e como asegura o Ministerio de Agricultura, “máis xusta, máis sostible e máis social”, ademais de fomentar “unha agricultura máis innovadora e dixital, co foco posto na substitución xeracional”.
A charla que vai ter lugar na Casa da Cultura o venres a partir das 11:30h é con entrada libre.