Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Frades organiza un curso para obter o carné de manipulador de alimentos


O Concello de Frades convoca un curso de manipulador de alimentos, que terá lugar durante o mes de decembro no multiúsos fradense. Un curso de tres horas presenciais, cun custe de 20 euros. As persoas interesadas en participar deberán anotarse no Concello de Frades ou no teléfono 981 695 567.

Este curso está dirixido a persoas interesadas en obter o carné de manipulador de alimentos, unha credencial imprescindible á hora de optar a un emprego en empresas relacionadas coa manipulación de alimentos durante a súa preparación, fabricación, transformación, elaboración, envasado, almacenamento, transporte, distribución, venda, subministro ou servizo. Así, o carné de manipulador é preciso para traballar en bares, restaurantes, supermercados, garderías, transporte e distribución de alimentos, fábricas de envasado e manipulación, hostalería, comercio, sector cárnico e pescados, comedores escolares, residencias xeriátricas, axuda a domicilio, etc.

Ao longo deste obradoiro, os alumnos adquirirán coñecementos relacionados coa nutrición e coa hixiene, así como coa manipulación dos alimentos. Ademais, analizarán os métodos para a conservación dos alimentos e os riscos que supón a súa alteración. Nos últimos cinco anos xa son 74 os veciños e veciñas de Frades que obtiveron ou renovaron o carné de manipulador de alimentos.