A temática centrouse no autocoñecemento do corpo e a saúde sexual.
A Laracha acolle é un programa impulsado polo Concello e dirixido ás persoas inmigrantes empadroadas no termo municipal -prioritariamente, ao colectivo das mulleres- que ten por finalidade a súa inclusión social e cultural. Está composta por dúas liñas de acción complementarias: o taller de alfabetización nas linguas oficiais de Galicia e o espazo de expresión e participación cultural Exprésa-T, dirixido ao coñecemento dos costumes, funcionamento e valores da sociedade de acollida, intercambio e socialización, así como ao tratamento de temas transversais de xénero e coeducación.
No marco do espazo Exprésa-T, as quince participantes no programa – orixinarias de Marrocos, Paquistán, Ucraína, Colombia e Portugal- realizaron un obradoiro sobre bo trato e autocoidados levado a cabo no centro sociocultural de Paiosaco en dúas sesións e impartido por SEDRA – Federación de Planificación Familiar, unha organización non gubernamental que traballa para que todas as persoas poidan exercer o dereito a decidir libremente sobre a súa sexualidade e reproducción, así como a ter acceso aos servizos que precisen.
A metodoloxía empregada durante o obradoiro centrouse en favorecer as dinámicas para fomentar a cohesión grupal e a participación. Entre as temáticas tratadas cabe salientar o autocoñecemento e autocoidado do corpo a nivel externo e interno, a sexualidade e a saúde sexual.
As persoas interesadas en participar no programa A Laracha acolle deben inscribirse no departamento de Servizos Sociais, ben acudindo ao edificio administrativo da Laracha ou chamando ao 981612811.