Friday 22 de November de 2024

Presentación da campaña de voluntariado social “12 razóns para que te sumes”


Participan deste proxecto 12 persoas maiores ás que lles gustaría acoller a visita de veciñas e veciños para compartir tempo

O Salón de Plenos da Casa do Concello de Cabanas acolleu esta mañá a presentación da campaña de voluntariado social “12 razóns para que te sumes”, impulsada pola área de servizos sociais coa que se pretende facer de Cabanas un lugar “no que ninguén quede esquecido”.

Durante o acto, o alcalde, Carlos Ladra; a concelleira de servizos sociais, Diana Rodríguez; e a traballadora social, Iria Fandiño, fixeron entrega dos calendarios a algúns dos protagonistas da campaña: doce persoas maiores (unha por mes) ás que lles gustaría acoller a visita de outras veciñas e veciños para compartir un tempo de desfrute e compaña mutua, intercambiando experiencias vitais, ao tempo que se estimula a saúde mental e física e se prevén situacións de soidade e illamento social.

Desde o Concello de Cabanas convídase ás persoas que teñan interese en coñecer ás persoas maiores, compartindo o seu tempo como voluntarias, a informarse no teléfono 649 075 263 ou no correo servizos.sociais@cabanas.gal. Non importa a idade, as competencias ou o tempo do que se dispoña.

Como entidade de acción voluntaria, desde o Concello de Cabanas asinarase un convenio de colaboración coa persoa voluntaria, que implicará a realización dunha formación básica e a subscrición dunha póliza de seguros de accidentes e responsabilidade civil que cubra ás persoas voluntarias durante o transcurso de actividade. Ademais, as persoas voluntarias terán acceso ao Certificado de Experiencias Voluntarias.