• Achegaranse 114.000 euros para gastos correntes, 67.000 euros para renovar camiños e 33.000 euros para aumentar a dotación adicada servizos sociais
• Tamén se aprobou a solicitude do POS Complementario para obter 60.000 euros que se dedicarían a instalar unha deshumectadora para a piscina municipal
O Concello de Cerdido aprobou no pleno celebrado o pasado xoves, 9 de febreiro, a súa participación no Plan Único 2023 da Deputación da Coruña, polo que lle corresponden un total de 215.602,25 euros, que se destinarían a financiar o gasto corrente, mellorar as infraestruturas e a incrementar a dotación para as políticas sociais.
No tocante á cooperación ás obras e servizos de competencia municipal, a partida orzamentaria recibida é de 182.230,25 euros.
Por unha banda, 114.418,89 euros van ir destinados ao financiamento de gasto corrente, e por outra banda achegarase 67.811,36 euros para executar a pavimentación de varios camiños como o de Penadovico Casaldegonce.
Ademais, tamén se aprobou o POS Adicional 2023, que contará cunha inversión de 33.372 euros, que se utilizará para ampliar a dotación do financiamento municipal dedicado a servizos sociais, que inclúe o reforzo de persoal, a ampliación das partidas destinadas a emerxencias de persoas soas ou familias en risco de exclusión social, o aluguer de equipamento técnico asistencial e a outros gastos correntes.
Durante a sesión plenaria incluíuse, do mesmo xeito, a participación no Plan Complementario do ano 2023, no que se inclúen investimentos finenceiramente sostibles, para solicitar a cantidade de 60.590,62 euros, que se dedicarían á instalación dunha deshumectadora na piscina da área recreativa de O Castro.