Friday 22 de November de 2024

O bipartito naronés aprobou no pleno un investimento de 982.000 euros do POS nun campo de tiro con arco e melloras nas instalacións do SPEIS


O Concello acolleu esta mañá, ás 9.00 horas, un pleno extraordinario para aprobar a participación no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos da Deputación da Coruña. O bipartito naronés aprobou cos votos dos edís de TEGA e PSOE un investimento de 411.000 euros na construción dun campo de tiro con arco no polígono de Río do Pozo e de 570.000 na mellora das instalacións do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón. Os edís do PP e do BNG abstivéronse no momento da votación destas propostas.

Así mesmo, na sesión saíu adiante cos votos favorables de TEGA, PSOE e BNG a proposta de participación do Concello no POS+ Adicional para o financiamento de gastos sociais extraordinarios desta anualidade. Neste caso, destinarase unha partida de 173.000 euros ao Servizo de Axuda no Fogar, tal e como se indicou na sesión plenaria.

Dende o goberno local, os voceiros de TEGA e PSOE defenderon as actuacións ás que se destinarán estas achegas provinciais, co fin de implementar novas instalacións, mellorar as existentes e tamén ao SAF.