O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participou hoxe na manifestación na defensa e mellora da sanidade pública convocada por SOS Sanidade Pública; á que asistiron unhas 35.000 persoas (segundo os últimos cálculos do departamento de Tráfico) chegadas desde todos os puntos de Galicia. De feito, esta foi, despois da do Prestige, a concentración máis multitudinaria que se recorda na capital de Galicia.
As rúas de Compostela eran un clamor social en defensa da sanidade pública galega, en contra da precariedade do persoal sanitario, e en contra da precarización e privatización á que está sendo sometida por parte do goberno do PP. Sánchez Bugallo portaba unha das pancartas que se viron na manifestación, co lema “En defensa da sanidade pública”; xunto ao rexedor de Vigo, Abel Caballero; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva; e destacados dirixentes socialistas, entre eles Bernardo Fernández, secretario xeral do PSdeG pola provincia da Coruña. Ademais do alcalde, tamén asistiron á convocatoria os concelleiros de Políticas Sociais e Saúde, Mila Castro; de Urbanismo e Acción Cultural, Mercedes Rosón; e o responsable de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, quen estivo en todo momento pendente do dispositivo de seguridade co obxecto de que todo transcorrese sen incidentes.
Noutro punto da manifestación, encabezando a delegación socialista, estaba o secretario xeral do PSdeG. Valentín González Formoso sinalou que o clamor social reunido na manifestación en defensa da Sanidade Pública resume “o que pensa o mundo sanitario e tamén a sociedade civil” da “aposta polo deterioro, a devaliación e a privatización” dos últimos 13 anos de gobernos do PP en Galicia.
A manifestación, na que non se rexistraron incidencias destacables, comezou no Paseo Central da Alameda ás doce do mediodía, e finalizou nunha Praza do Obradoiro ateigada de xente. Gran número de persoas participantes tiveron que esperar nas rúas do zona vella, xa que houbo momentos en que era imposible acceder á praza do Obradoiro.