Friday 22 de November de 2024

O Concello comeza este luns os traballos para instalar a nova rede de saneamento na rúa María Ana Mogás Fontcuberta, no barrio da Zapateira


Seguindo os parámetros de intervencións anteriores, o Goberno municipal renovará o material dos colectores e apostará por un diámetro exterior que reforce a seguridade fronte a posibles fugas

O Concello da Coruña, a través do servizo municipal de Infraestruturas, comeza este luns os traballos para instalar un novo tramo de colectores subterráneos en María Ana Mogás Fontcuberta, ampliando a rede de saneamento a esta rúa do barrio da Zapateira.

O tramo sobre o que se actuará, de algo máis de 500 metros, abrangue o sector sur da rúa Belgrado —no que se renovará o tramo da rede de saneamento xa existente, pola súa antigüidade— e a rúa Frankfurt, ámbalas dúas lindeiras ao CPR Franciscanas; e continuarase tamén no sector sur de María Ana Mogás Fontcuberta, chegando á confluenza coa avenida Nova York.

Seguindo o patrón de intervencións de saneamento xa executadas durante este mandato, o Concello prevé a implementación de novos colectores, de PVC e cun diámetro máis amplo, de 315 mm.

Os traballos contan cun orzamento de 250.000 euros e o prazo de execución é de aproximadamente seis meses. “Con esta actuación o investimento en saneamento executado durante o actual mandato na Zapateira ascende a máis de 1,2 millóns de euros, un esforzo económico como non se fixera nunca no barrio para ampliar a rede de recollida de augas”, indicou Francisco Díaz Gallego, concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade.

As melloras en saneamento continúan en Bens e a Sagrada Familia

Esta intervención na Zapateira dá continuidade ao plan de melloras do saneamento que está a executar o Goberno de Inés Rey nos barrios da cidade, sempre baixo os parámetros indicados previamente, renovando o material dos colectores e apostando por un diámetro exterior que reforce a seguridade fronte a posibles fugas.

Ademais, e en paralelo ás intervencións xa en marcha na avenida Nova York e a rúa Salzburgo, tamén na Zapateira, o persoal de Infraestruturas traballa actualmente para remodelar a rede de saneamento no núcleo de Bens e no barrio da Sagrada Familia. Neste último punto concluirán nos vindeiros días os traballos de mellora na rúa Cardenal Cisneros.