Friday 22 de November de 2024

A Pobra restitúe a memoria histórica cunha escultura nos Xardíns de Valle-Inclán


Unha multitude congregouse nos Xardíns de Valle-Inclán na tarde deste 11 de febreiro para asistir ao acto de inauguración da escultura pola memoria histórica que contou co acompañamento musical do grupo Mallou. Entre o público estaban familiares de persoas represaliadas polo franquismo como, por exemplo, parentes de Manuel Hermo Vidal, quen fora alcalde en funcións. Precisamente unha das súas descendentes sumouse ao alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); ao concelleiro da Memoria Histórica, Xabier Santos (BNG); e ao artista, Manuel Teira, coa finalidade de descubri-la peza.

Trátase dun prisma granítico que busca “explorar, reparar e restituí-la memoria, decencia e democracia” como explicou o seu creador, quen felicitou ao Concello da Pobra do Caramiñal pola súa determinación. A figura representa ao pobo tratando de zafarse do sistema ditatorial. Estrutúrase así en tres apartados: no baixo está a cidadanía oprimida; no intermedio, o pico da sociedade; e, no alto, as feras exercendo a súa tiranía.

Homenaxea-las vítimas da ditadura franquista e render tributo a quen loitou e defendeu os principios da democracia tales como as irmandiñas pobrenses. Estes son os obxectivos da talla que, en palabras do edil, busca “mirar cara o futuro sen esquecer o pasado porque a historia ten o mal costume de ser cíclica.”

Cómprese así cunha “asignatura pendente no noso concello”, segundo manifestou o rexedor.