Saturday 16 de November de 2024

Pantaleón gaña o Concurso de Comparsas que da inicio ao Entroido coruñés


Sete agrupacións interpretaron as súas coplas neste tradicional festival que se levou a cabo nun ateigado Palexco

A comparsa gañadora actuará o vindeiro venres na entronización do Deus Momo, no Obelisco

A comparsa Pantaleón gañou o primeiro premio do concurso de comparsas na categoría de música e letra que tivo lugar esta tarde no auditorio de Palexco. Este tradicional festival deu comezo á programación do Entroido coruñés deste 2023, que se prolongará ata o sábado 25 de febreiro.

Neste concurso participaron un total de sete agrupacións: Escola de Teatro Melandrainas, Como Cabras, Pantaleón, Malandros, Os Maracos, Monte Alto a 100 e Amigos da Xoldra.

Na pasada edición a comparsa gañadora foi Amigos da Xoldra. Ademais do primeiro premio de Pantaleón, tamén foron agraciados polo xurado Malandros, co segundo posto e Amigos da Xoldra co terceiro.

Cada formación interpretou dúas cancións sobre o escenario ante un auditorio ateigado de público, como é habitual. Pantaleón, como comparsa gañadora, interpretará en directo as súas cancións o vindeiro venres 17 ás 21.00 horas no acto de entronización do Deus Momo, que terá lugar no Obelisco.

O concurso de comparsas da a saída a unha ampla serie de eventos programados polo Goberno de Inés Rey durante o Entroido. En Palexco viviuse un grande ambiente festivo e todas as comparsas animaron aos asistentes e á cidadanía en xeral a asistir aos diferentes eventos e celebracións programados este ano. O propio Entroido e a actualidade política e social marcaron as letras destas sete comparsas.

Presidiu o xurado Gonzalo Castro, responsable do IMCE, acompañado por Ana Canosa, tamén do IMCE, os xornalistas Luis Llera, Lara Fernández e Amara Santos, o director da Banda Municipal de Música, Juan Miguel Romero Llopis e a directora da Escola Municipal de Música, Elena Umbría. Tiveron en conta á hora de valorar as actuacións a simpatía e agudeza das letras, a natureza da composición musical a correcta execución da interpretación musical tanto oral como instrumental en directo, a afinación e o axuste do conxunto coral.