Estreadas as curtas do VII Chanfaina Lab
Quixo o calendario que o grande día do cine español, coa entrega esta noite en Sevilla dos premios Goya, tamén coincidise cunha festa non tan fastuosa pero igualmente meritoria polo seu contido celebrada en San Sadurniño. E é que hoxe durante o serán, a Casa da Cultura acolleu as estreas das curtametraxes da sétima edición do Chanfaina Lab coa asistencia da práctica totalidade dos e das participantes -só faltaron Raquel Álvarez e Claudia Pineda que mandaron un saúdo en vídeo- e un bo número de persoas como público, que ateigaron o centro cultural para gozar da colleita creativa 2022-23, caracterizada tamén este ano pola calidade, a variedade e o sorprendente das súas propostas.
O acto comezou pouco despois das 17:30h presentado pola concelleira Ara Bellas man a man co televisivo Paco Lodeiro, quen ademais de condutor de distintos programas da TVG tamén é actor, cantante, humorista, profesor -formou parte do primeiro equipo docente da Escola de Imaxe e Son da Coruña- e membro da Academia Galega do Audiovisual.
Perfectamente compenetrados -coma se levasen anos facendo tándem, malia térense coñecido hoxe mesmo- Lodeiro e Bellas iniciaron unha gala que se mantivo fiel á súa estrutura de xuntar sobre o escenario a todas as creadoras e creadores para irlles facendo entrega das “Lolas Chanfaineiras” como recordo do seu paso polo encontro audiovisual, momento no que cadaquén foi facendo unha breve presentación introdutoria da súa peza. Non máis de un minuto por participante, co obxectivo de que a maratón cinematográfica -143 minutos en total, sen contar o intermedio de media hora- non se metese demasiado na noite nin retrasase os petiscos de clausura, servidos no Mesón A Granxa.
Antes das proxeccións houbo unha breve intervención do alcalde, Secundino García, quen volveu agradecer de novo “o grande traballo” da axente TIC, Carmen Suárez, e do seu compañeiro e académico Manolo González, promotores do Chanfaina hai case unha década. Neste tempo, interrompido en 2020 e 2021 por causa da pandemia, o encontro audiovisual colleitou numerosos premios -o máis recente o José Sellier outorgado pola Academia Galega do Audiovisual- e nel levan participado unha chea de figuras destacadas do cine galego, que mesmo levaron con grande éxito a festivais de ámbito estatal e internacional as pezas gravadas en San Sadurniño.
Secundino García destacou o grande valor do encontro por reunir tanto talento e por “levar o nome de San Sadurniño polo mundo”, pero tamén por lograr que durante unha fin de semana “persoas que non saben de cine poidan facer curtametraxes compartindo tempo e aprendizaxe mutua con outras que son nomes de referencia no audiovisual”. O alcalde reiterou o apoio do Concello ao proxecto -que tamén conta con financiamento da Deputación da Coruña- e pechou a súa intervención co tradicional “longa vida ao Chanfaina Lab”.
E, tralos protocolos, xa si, cine a tope coa proxección das 22 pezas preparadas para a presente edición, posiblemente a máis ecléctica en canto a estilos narrativos e temas de todas cantas se levan celebrado até o momento.
Se houbese que agrupalas dalgún xeito poderiamos facer unha clasificación que atendese aos seguintes eixos: experimental-videopoesía, documental e ficción.
No primeiro destes eixos, o de miradas desde a óptica da videocreación artística -combinada coa literaria e incluso musical- teriamos “Un rastro de luz”, de Celia Parra; “De pedra son os muros i as tebras”, de Sofía Naseiro; “A danza macabra”, de Andrea Pena; “Estruturas. Apuntes de San Sadurniño”, de Raquel Álvarez; “O Amor é auga que corre”, de Claudia Pineda e “O que acontece, San Sadurniño”, de Dani Viqueira.
Neste apartado incluso entraría o díptico “Badaladas de vida e morte” realizado por Rubén Coca; o videoclip “Noa”, de Toño Chouza e, por último -e tamén derradeira curta proxectada hoxe- a peza musical “Feminino”, de The Sun Girls, montada con 160 fotografías de mulleres de San Sadurniño sucedéndose sobre o poema “A xustiza pola man”, de Rosalía Castro, recitado como rap.
No tocante ao xénero documental, o catálogo de proxeccións incluiu o máis ben docudrama “Interxeneracional”, de Xavier Villaverde, recreando unha historia real do apoio mutuo entre un mozo e unha anciá, viúva a raíz da pandemia. Tamén atopamos os recordos de vida das mulleres do proxecto Teño unha horta en San Sadurniño -Cruz Piñón, Consuelo Picos, Carme Couce e Carme Bouza- recollidos arredor dunha esfolla en “Cando eu era nova”. Completan o apartado temático o “Spoiler chanfaineiro”, de Fran da Lobeira, centrado nos dous días de gravacións do mes de setembro; “O soño de Lía”, de Ary López, como mensaxe sobre o problema demográfico do noso país; o “Espantos e desencantos”, de Ariadna Silva (protagonizado por Cruz Piñón) e “O arado”, do ourensán Domingo Díaz, que conta coa voz de Abel Vega e en escasos minutos a historia da agricultura e o adianto que supuxo o arado de vertedeira.
Ao último eixo, o da ficción -aínda que nos anteriores tamén hai algunhas pezas onde a realidade se difumina con feitos imaxinarios- adscríbense sete curtametraxes. Por orde de proxección durante as estreas deste serán foron “Navia”, de Kevin Lorenzo, onde asistimos ás peripecias dun crego atracador protagonizado por Abel Vega; “As vacas desaparecidas”, na que o realizador local Bieito Beceiro nos mantén pendentes da pantalla até un sorprendente final; a incrible “The Porquer” -unha das curtas máis aplaudidas da tarde- do colectivo Naraío Media, que nos mostra o seu dominio da narrativa e da tensión nun fantástico thriller rural; tamén o exercicio de procrastinación e prospección interna do mozo Pablo Martínez en “Non fixen curta para a chanfaina”; o desconcertante “Deber”, de Paula Vilariño e Andrea Fernández; o non menos abraiante e irreverente “Fíate e non corras”, de Abel Vega (onde recupera o seu personaxe da curta de Kevin Lorenzo) e, como final do bloque, a curtametraxe “Porte exprés”, de Ángela Arnosa, a máis breve da tarde e toda unha homenaxe ao cine mudo, a Georges Melies e, se se quere, incluso ao Doutor Who, por aquilo do teletransporte, aínda que aquí as viaxes se fan en casetas escolares en vez da na afamada cabina telefónica vermella.
Pasado o día das estreas, todas as pezas do Chanfaina Lab “o mellor festival de curtametraxes do mundo”, asegurou Paco Lodeiro, irán estreándose de novo en youtube de venres en venres a partir do que vén.