Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame conmemorará o Día da Biblioteca cunha sesión gratuíta de teatro infantil


La Lupa Lunática representará “Sopa de letras” na Casa da Cultura o sábado 24 de outubro, ás 11:00 horas

O Concello de Lousame conmemorará o Día Internacional da Biblioteca cunha sesión de teatro infantil, que terá lugar este sábado 24 de outubro, ás 11:00 horas, na Casa da Cultura. O grupo La Lupa Lunática representará “Sopa de letras”, un espectáculo dirixido a nenos/as de 4 anos en adiante. A asistencia é totalmente libre e de balde.

“Sopa de letras” é un espectáculo de teatro infantil no que Clementina Mandarina xoga a asumir distintos roles cos obxectos que ten na súa colección. Un día aparece un vento moi forte que se leva o obxecto que máis lle gusta, un sombreiro, e tamén lle quita a voz. Clementina recorre a un libro que lle axuda, a través dunha máxica sopa de letras, a recuperar a súa voz e a ir enfrontar a ese vento para que lle devolva o que lle roubou.

La Lupa Lunática nace en Granada como compañia “La Tortuga” no 2008 e no 2011 se conforma como asociación cultural en Galicia, onde realiza diferentes actividades culturais que van dende o teatro para nenos, contacontos, música e outras actividades.