— O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, acompañou hoxe en Sada aos máis de 500 participantes na fase provincial da Coruña da actividade de Campo a Través do programa Xogade
— Esta iniciativa contou na pasada tempada 2021/2022 con 120.000 participantes que se achegan ás cifras prepandemia
— Na tempada actual 2022/2023 participarán 39 federacións deportivas e 15 disciplinas na modalidade escolar, entre elas o campo a través
— A Xunta xa asinou por 4,3 M€ a póliza para cubrir o seguro dos participantes ata 2024
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, puxo en valor hoxe en Sada a importancia do programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar) que reúne toda a oferta deportiva escolar e federada para os rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos co obxectivo de inculcar a práctica de actividade física entre as xeracións máis novas. De feito, na última tempada 2021/2022 participaron 120.000 cativos, achegándose ás cifras prepandemia, que se situaban en 128.000. Ademais, no comezo da tempada actual 2022/2023 xa se contabilizan máis de 110.100 participantes.
Así o destacou hoxe na fase provincial da Coruña da actividade de campo a través que se disputou en Sada. A Xunta colabora co Club Atletismo Sada nesta proba que reuniu medio milleiro de nenos e nenas nas categorías benxamín, alevín, infantil e cadete, tanto masculinas como femininas. Na entrega de premios tamén participou o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.
Trátase dos vencedores dos centros educativos da Coruña, Ferrol, Noia e Santiago clasificados nas 17 fases previas intercomarcais nas que se mobilizaron máis de 12.000 escolares. Cómpre destacar que todos os participantes dispoñen de seguro deportivo e transporte gratuíto no marco do programa Xogade.
Na xornada de hoxe tamén se celebrará a fase provincial de Ourense na Rúa e mañá a de Pontevedra en Vigo. Os gañadores competirán o 4 de marzo no campionato galego na Pobra do Caramiñal.
Nesta tempada 2022/2023 forman parte do programa Xogade un total de 39 federacións deportivas e 15 modalidades escolares, entre elas a de campo a través. Nesta liña, cómpre engadir que ao longo do ano se levarán a cabo un cento de competicións vinculadas á Federación Galega de Atletismo, por exemplo, probas de campo a través como a de hoxe, ademais de carreiras populares, trail ou de cross.
No caso de Sada, están mutualizados case 30 rapaces e rapazas para participar en actividades de campo a través como a de hoxe. Ademais, nesta tempada hai rexistrados máis de un milleiro de participantes -757 da modalidade federada e case 300 da escolar- vinculados ao CEIP Barrié de la Maza e aos clubs Xadrez Smyslov, Xadrez das Mariñas, Taekwondo Sada, Club Baloncesto Golfiños de Sada, Sada C.F., Club Náutico de Sada e Club Atletismo Sada.
Diego Calvo destacou a importancia do deporte nas idades máis temperás para avanzar cara a unha Galicia activa e saudable, evitando o sedentarismo e a inactividade física.
Tamén lembrou que a Xunta financia o seguro deportivo de todos os participantes no programa sen repercutir este gasto ás familias e que suporá un investimento de 4,3 M€ ata 2024. Polo tanto, a prima anual media desta tempada ascende a 2,16 M€, un 21,5 % máis que o ano pasado.