Saturday 16 de November de 2024

Unha vintena de centros afondarán no potencial profesional da muller a través da experiencia de referentes femininas de distintos sectores


— O obxectivo é promover a igualdade de oportunidades e favorecer que as nenas elixan o seu itinerario académico sen atender aos estereotipos de xénero

— A iniciativa desenvólvese en colaboración coa asociación Executivas de Galicia e inclúe charlas, obradoiro de ‘SoftSkills’ e mentorías individualizadas

Un total de 20 centros educativos de toda Galicia participarán este curso no programa educativo EduReferentes, unha iniciativa que achega ás aulas testemuños de mulleres galegas referentes que destacan pola súa traxectoria profesional de éxito. A iniciativa é desenvolvida pola Xunta de Galicia, en colaboración coa asociación Executivas de Galicia, co obxectivo de promover a igualdade de oportunidades e favorecer que as nenas elixan o seu itinerario académico baseándose na súa vocación e non nos estereotipos de xénero.

De xeito paralelo, ponse en valor o traballo do colectivo de mulleres da Comunidade galega, que potencian as habilidades persoais do alumnado e lles dan a coñecer as súas respectivas profesións.

Os centros participantes son os da seguinte táboa:
Provincia Concello Centro
A Coruña Abegondo IES de Viós
A Coruña A Coruña IES Fernando Wirtz Suárez
A Coruña Ferrol IES Ferrol Vello
A Coruña Ferrol CIFP Ferrolterra
A Coruña Monfero CPI Plurilingüe Virxe da Cela
A Coruña Muros IES As Insuas
A Coruña Santiago de Compostela IES Plurilingüe Rosalía de Castro
A Coruña Zas CPI de Zas
Lugo Castro de Rei IES da Terra Chá, José Trapero Pardo
Lugo Friol CPI Dr. López Suárez
Lugo Monforte de Lemos IES A Pinguela
Lugo Monterroso IES Monterroso
Lugo Sarria IES Gregorio Fernández
Ourense Maceda IES San Mamede
Ourense Viana do Bolo IES Carlos Casares
Pontevedra Lalín IES Laxeiro
Pontevedra Lalín IES Ramón Mª Aller Ulloa
Pontevedra Moaña IES Plurilingüe A Paralaia
Pontevedra O Porriño IES Pino Manso
Pontevedra Vigo IES Valadares
Charlas e obradoiros
O programa vai dirixido ao alumnado de ESO e FP Básica de centros públicos. Nos centros participantes desenvolveranse charlas de 50 minutos nas que dúas profesionais referentes galegas de diferentes sectores achegarán ao alumnado aos seus ámbitos profesionais. Nestas sesións traballarase co alumnado os mitos sobre os diversos perfís profesionais desde unha perspectiva de xénero.

Como novidade este ano inclúense obradoiros educativos sobre SoftSkills (cualidades relacionadas coa escoita activa, o trabajo en equipo, a creatividade…), tamén de 50 minutos de duración e para grupos de 25 alumnos. A metodoloxía terá como base a educación emocional con perspectiva de xénero do alumnado.

O programa de actividades complétase, como é habitual, coas mentorías individualizadas, para as que os centros participantes farán unha selección de cinco alumnos que serán acompañados por profesionais referentes no seu ámbito. As mentoras compartirán a súa experiencia e coñecementos, apoiando aos estudantes na busca das súas fortalezas, habilidades e intereses ao longo dun máximo de cinco sesións
individualizadas.