Saturday 16 de November de 2024

O Goberno Municipal e as asociacions veciñais acordan que o “Consello de medio rural” se compoña de doce membros


O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, reuniuse con representantes das asociacións veciñais do rural. No encontro acordouse que o “Consello de medio rural”, que será presidido polo rexedor, estea composto por doce membros.

Seis destes membros serían representantes das asociacións veciñais do rural, escollidos polas propias entidades; e os outros seis, integrantes da Corporación Municipal: o alcalde, o concelleiro ou concelleira de Medio Rural e un representante de cada un dos catro grupos municipais.

Queda pendente, recordou Sánchez Bugallo, aprobar os estatutos do Consello de Medio Rural. O alcalde pediulle as asociacións veciñais do rural que envíen as súas achegas co obxecto de rematar canto antes a redacción dos estatutos para poder constituílo antes do 30 de xuño.

Durante a reunión, na que tamén estaban presentes, entre outros, os concelleiros de Medio Ambiente, Mila Castro; de Mobilidade, Gonzalo Muíños; a presidenta de FERUSA, Cruz Vázquez; e a futura responsable de Medio Rural, Begoña Rodríguez; o alcalde confirmou que desde o Goberno Municipal se mantiveron os compromisos acordados e que todas as obras do POS, o Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña se executaron, se están a executar, ou están en fase de licitación no rural, cun investimento aproximado de 9 millóns de euros. A esta cantidad hai que sumar outros 5 millons de euros en proxectos que se atopan, neste momento, en diferentes fases de tramitación.

No encontro tamén se acordou celebrar ese acordo do “Pacto polo rural” cun evento que tería lugar a mediados de marzo no Auditorio de Galicia.