A Nave do Mercado de San Ramón acollerá o domingo 26 de marzo a quinta edición da Feira do Queixo que quedou suspendida en 2020 pola declaración do Estado de Alarma a raíz da pandemia. O evento non se celebrou nin ese ano nin en 2021 e 2022, polo que agora volve con forza e cunha chea de novidades, ademais das habituais actividades paralelas: música, obradoiros, catas, exposición e venda de queixos locais e chegados doutras partes de Galicia e de España, O Concello está ultimando os detalles do programa, que se dará a coñecer proximamente, aínda que os postos que queiran participar xa poden ir solicitando espazo no recinto rexistrando este formulario debidamente cuberto . O último día é o 24 de febreiro.
A feira do queixo de Moeche busca fomentar o consumo e a cultura do queixo, xunto coa posta en valor do traballo que fan pequenas e grandes queixarías de dentro e fóra do municipio como parte fundamental do desenvolvemento sustentable das zonas rurais.
En 2020 a feira tivo que suspenderse a escasos cinco días da súa celebración, ante os anuncios de medidas restritivas por mor da crise sanitaria da COVID-19 que, xusto a véspera do evento -o 14 de marzo-, se materializaron na declaración do Estado de Alarma e no inicio do confinamento obrigatorio. 2021 foi tamén ano en branco por mor das sucesivas vagas da pandemia e en 2022, cando xa se comezaba a ver luz ao final do túnel, o Concello optou pola prudencia e non organizou a cita.
Deste modo, a V Feira do Queixo de Moeche celebrarase o domingo 26 de marzo na Nave do Mercado. Excepcionalmente pasouse para o último domingo do mes debido a que a data que lle correspondería, o segundo domingo de marzo, coincide o día despois da feira do 11 en San Ramón e o seguinte domingo dispoñible, o 19 de marzo, é o Día do Pai, o que podería restarlle afluencia e complicar as reservas para comidas familiares na hostalaría local.
O Concello ten avanzada a programación da feira e, a falta dalgúns detalles, a xornada arredor dos mellores queixos volverá combinarse con múltiples actividades paralelas, como actuacións musicais, catas dirixidas, obradoiros, e venda de produto agroalimentario fresco e elaborado, así como varias novidades que se irán confirmando nos próximos días. Se quedase espazo dispoñible, algo que se saberá no momento de pechar as inscricións de postos, tamén se lle daría cabida aos expositores de artesanía e doutros artigos.
Nos últimos días foron moitas as firmas de dentro e fóra de Moeche que se interesaron por unha feira que xa se consolidara como referente sectorial en tan só catro edicións. Con carácter xeral, daráselles preferencia ás queixerías que participasen con anterioridade e os postos dos produtores locais xa teñen espazo reservado. O prazo para solicitar un posto -insistimos, con prioridade para os de queixos artesanais- permanecerá aberto entre o 9 e o 24 de febreiro.
As instancias hai que presentalas pola Sede Electrónica e, unha vez que a área de Desenvolvemento local confirme a solicitude, deberá facerse efectiva a cota de participación, fixada en 30€. Ademais, as peticións rexistradas para a edición suspendida en 2020 que tivesen pagado ese importe e que non pedisen a súa devolución deberán tramitar igualmente a solicitude, aínda que non terán que satisfacer a cota de novo.