Saturday 16 de November de 2024

Subida de soldo ao persoal de confianza a 3 meses das eleccións


– O Goberno de Rioboo aproba unha nova Relación de Postos de Traballo na que se lle sube o soldo ao persoal de confianza.

– A proposta aprobada carece de informe de Intervención, que noutros intentos semellantes foi desfavorable.

– Culleredo precisa dunha administración municipal independente, profesional e eficaz, e non unha maquinaria electoral ao servizo do alcalde de turno.

Para o BNG é necesario configurar un organigrama municipal para dispor dos recursos humanos precisos e ter unha administración municipal independente, profesional e eficaz, e non unha maquinaria electoral do alcalde de turno.

Pola contra, a tres meses das eleccións municipais, o Sr. Rioboo convocou de xeito precipitado un pleno extraordinario para aprobar unha Relación de Postos de Traballo (RPT) centrada nun aumento no soldo do persoal de confianza do Goberno Municipal.

O Pleno foi convocado sen dar á oposición o tempo preciso para estudar a documentación aportada, documentación entre a que non están nen o informe da Intervención municipal (que en exercizos anteriores alertaba de que se superaban os límites establecidos para o Complemento Específico) nen as actas da Mesa Xeral de Negociación co funcionariado.

A proposta conta apenas cunha “proposta con conformidade” do Xefe de Gabinete, que inicia a proposta, a mesma persoa que é tamén Xefe de Persoal, que como tal emite a proposta, e que tamén é o mesmo que como Secretario Municipal accidental di que na proposta todo está ben. Unha persoa que ten concorrido na candidatura do PSOE de Cambre en pasados procesos electorais. Unha mesma persoa, en definitiva, que propón e dá conformidade a unha subida de salario para el e o persoal eventual do Gabinete da Alcaldía que el dirixe.

A causa das présas do alcalde parece ser precisamente anticiparse á chegada dun novo funcionario con habilitación nacional á Secretaría Xeral do Concello o próximo luns 13, evitando así un posible informe negativo.