Friday 22 de November de 2024

O Concello licita a aplicación que permitirá pagar o bus con móbiles iOS, ademais de outras melloras


O sistema comezará a operar en modo de probas no primeiro semestre deste ano para chegar a todos os buses da cidade antes de que remate o 2023

O Concello da Coruña vén de licitar o contrato para poñer en marcha o peto dixital mediante lectores de códigos QR. Trátase dunha nova aplicación que permitirá a aqueles propietarios de móbiles que non conten con sistema operativo Android (esencialmente aqueles que empregan iOS) aboar o bus urbano a través do seu terminal.

Actualmente o Concello ofrece a posibilidade de aboar o bus mediante unha app deseñada especificamente para Android con tecnoloxía NFC. O 80% dos usuarios de móbiles empregan ese sistema, mais desde o Goberno municipal anunciouse o compromiso de chegar a todos os usuarios do bus para facilitar o pago co móbil. Máis de 20.000 usuarios empregan xa a aplicación Millennium Próxima, unha cifra que segue a medrar cada mes desde a súa implantación o pasado outubro. A aplicación actual ofrece, entre outras vantaxes, a posibilidade de realizar recargas mínimas de 5 euros e facelas vinculando á aplicación a calquera conta bancaria e sen necesidade de pasar por un caixeiro. O novo sistema que se licita agora manterá esas vantaxes e incorporará melloras mediante o emprego dos códigos QR como sistema de pago.

O goberno municipal agarda pechar a adxudicación do novo contrato ao longo do mes de marzo e que a nova aplicación estea operativa na primeira metade do ano en modo de probas nalgunhas liñas do bus urbano. En paralelo comezará a instalación de lectores nos autobuses para poder empregala. A intención é que antes de finalizar o 2023 estea plenamente operativa.

“A nova aplicación non será só para iOS, calquera dispositivo poderá empregala, pero será o usuario o que escolla cal prefire. A que está actualmente operativa seguirá en funcionamento, e quen prefira seguir empregando a tarxeta Millennium tamén poderá facelo, aínda que as aplicacións ofrecen unha maior flexibilidade para o usuario”, indicou o concelleiro de Economía, José Manuel Lage, responsable tamén da área de Innovación Tecnolóxica do Concello.

Lage explicou que o novo sistema incluirá algunhas melloras que non permite a actual aplicación e que serán importantes para determinados perfís. Así, nun único móbil poderán sumarse varias contas -o actual sistema só permite unha por teléfono- o que resultará máis útil, por exemplo, para os pais e nais con fillos menores, que poderán prescindir deste xeito das tarxetas físicas.

“A app que hoxe empregan máis de 20.000 usuarios foi a mellora máis importante nos métodos de pago do bus urbano en décadas, o que facemos agora é mellorala chegando a máis usuarios e facéndoa máis flexible”, indicou Lage.

O concelleiro e portavoz do Goberno municipal recordou que as melloras implantadas no bus por Inés Rey non se limitan ao método de pago, senón tamén ao prezo do billete. A alcadesa presentou a finais do pasado xaneiro unha nova bonificación do prezo bus, asumida con fondos municipais, que deixa a tarifa xeral en 38 céntimos, a universitaria en 15 céntimos, e a social en 12 céntimos por viaxe, os prezos máis baixos en décadas.