Friday 22 de November de 2024

O BNG propón medidas para compensar e atallar a mortaldade do marisco na ría de Arousa


As intensas choivas, xunto cos grandes aportes de auga doce ás rías e aos bancos marisqueiros desde distintos encoros están provocando danos ambientais e económicos importantes na Ría de Arousa, unha situación que o BNG propón atallar de maneira inmediata.

Os nacionalistas informan da caída da salinidade moi destacada nos seguintes días ao sábado, 14 de xaneiro, data que coincidiu co desaugado do encoro de Portodemouros, xestionado por Naturgy. Este encoro que carece de comportas funciona cun sistema de desbordamento que, ademais da auga, provoca que os sedimentos acumulados tamén acaben na ría.

A deputada Rosana Pérez Fernández lamenta que a pesar de que no pasado se constatou que isto provoca importantes danos, “a día de hoxe a Xunta segue sen actuar para regular os aportes de auga doce e de sedimentos que impunemente afecta a milleiros de familias mariscadoras que viven da explotación dos bancos marisqueiros”.

Pérez Fernández pídelle á Xunta que exerza as súas competencias e lexisle para evitar perda de produtividade constante que están a padecer as rías dende hai anos. “A nefasta xestión dos encoros en épocas de choivas, a falla de control e de medidas coercitivas por parte do Goberno galego están poñendo en xaque ao sector marisqueiro” asegura.

Desde o BNG cren que o desleixo “premeditado” do Goberno galego trata de priorizar as empresas eléctricas sobre o sector marisqueiro. “Son sucesos que non deberían volver a pasar e, polo tanto, deben tomarse todas as medidas necesarias para que así sexa e, no caso excepcional de que acontezan, deben estar perfectamente delimitadas as responsabilidades de quen os provocan e as compensacións ás persoas e entidades afectadas” detallan.

Por estes feitos o BNG rexistrou iniciativas no Parlamento galego nas que se lle pide avaliar as consecuencias da baixa salinidade na Ría de Arousa, elaborar unha regulación do desaugado e limpeza dos encoros establecendo sancións e indemnizacións ás persoas e entidades que viven do marisqueo.

Rexeneración dos bancos e paliar a perda de ingresos

Na iniciativa parlamentar os nacionalistas destacan a importancia de actuar para rexenerar os bancos marisqueiros que permita atallar a perda constante da produción así como establecer medidas compensatorias para o sector e as confrarías. “Miles de persoas viven deste sector en Galiza e sobre todo na Ría de Arousa, non imos descansar até que a Xunta de Galiza estableza compensacións ao sector marisqueiro”, concluíu Pérez.