Friday 22 de November de 2024

Aberto o prazo de inscrición nas actividades de Entroido dos centros cívicos, con festas, xincanas e obradoiros de máscaras


As pequenas e pequenos poderán gozar do espírito festivo destas datas, con obradoiros creativos e actividades especiais orientadas á rapazada de entre 4 a 16 anos de idade

Mañá, sábado 11, terá lugar en Palexco o tradicional concurso de comparsas na modalidade de música e letra

O Concello da Coruña abriu hoxe o prazo de inscrición nas actividades de Entroido previstas nos centros cívicos municipais, achegando o espírito festivo destas datas a todos os barrios.

Neste sentido, as pequenas e pequenos poderán gozar, ata o vindeiro mércores 22, dun amplo calendario de festas, xincanas e obradoiros creativos. As inscricións poderán tramitarse a partir deste venres 10 nos centros cívicos da Coruña, durante o horario habitual de apertura.

Este é o calendario completo das festas programadas nos centros cívicos:
● Día 17 de febreiro: CC’s dos Rosales, Cidade Vella, Palavea e San Diego.
● Día 18 de febreiro: CC’s dos Mallos, Eirís, Labañou e Monelos.
● Día 19 de febreiro: CC’s do Castrillón, Novoboandanza, Monte Alto e Novo Mesoiro.

Todas as festas serán en horario de 17.00 a 20.00 horas, agás nos centros cívicos dos Mallos e Novo Mesoiro, onde terán lugar de 16.30 a 19.30 horas.

Obradoiros de máscaras de peliqueiro e xincanas con temática circense

Ademais, os centros cívicos ofrecerán actividades especiais de Entroido para nenas e nenos de 4 a 16 anos, con obradoiros creativos de máscara de peliqueiro e xincanas con temática circense. As datas, horarios e localizacións son as seguintes:

Obradoiro de máscaras de peliqueiro
● Sábado 18 de febreiro (11.30 a 13.00 horas): Visma, Sagrada Familia, Feáns, Santa Margarida e Elviña.
● Luns 20 de febreiro (11.30 a 13.00 horas): Santa Lucía, Pescadores, A Silva e Artesáns. Xincanas con temática circense
● Sábado 18 de febreiro: Santa Lucía, Pescadores e A Silva.
● Luns 20 de febreiro: Visma, Sagrada Familia, Feáns, Santa Margarida e Elviña.
● Mércores 22 de febreiro: Artesáns.

Os horarios desta actividade serán sempre de 11.30 a 13.00 horas, agás no centro cívico de San Pedro de Visma, onde terán lugar de 17.00 a 18.30 horas.

Concurso de comparsas

As actividades de Entroido nos centros cívicos enmárcanse no amplo abano de eventos que o Goberno de Inés Rey ten organizado para esas datas. Mañá, sábado 11, está prevista tamén a celebración do concurso de comparsas, ás 18.00 horas en Palexco, nas modalidades de música e letra, cita na que tomarán parte sete comparsas.