A concelleira de Festas, Natalia Hermida, e a secretaria da Asociación de Veciños Altea, de Xuvia, presentaron esta mañá os actos de Entroido que se celebrarán na citada parroquia o domingo 19 deste mes. A programación dará comezo ás 12.30 horas na pista polideportiva de Xuvia, onde os asistentes poderán desfrutar dunha sesión vermú, a actuación do grupo Tip´YCools e inchables que se instalarán para a ocasión no patio do CEIP Ponte de Xuvia. Haberá monitores para os inchables dende as 12.30 ata as 14.30 horas, tal e como se indicou dende a organización.
Ao mediodía, a partir das 14.30 horas dará comezo o xantar popular organizado pola entidade veciñal Altea. Sopa, cocido, postre de entroido, pan, bebida e café forman o menú que se servirá na xornada, para a que se poderán adquirir os tickets na cafetería do local da AVV Altea a prezos populares a partir de mañá sábado –de luns a sábado en horario de mañá e tarde e os domingos pola mañá-. A festa continuará pola tarde, de 16.00 a 20.00 horas, cos inchables para as nenas e nenos e ás 17.30 comezará a actuación infantil de A Gramola Gominola.
A celebración rematará cun baile infantil, que dará comezo ás 18.30 horas e no que todos os asistentes poderán desfrutar desta festa do Entroido, aberta á asistencia da cidadanía en xeral.
As persoas que desexen máis información poden contactar coa entidade veciñal a través dos números de teléfono 981 393 561 ou 685 244 527 ou do correo electrónico: av.altea2003@gmail.com.