Saturday 16 de November de 2024

O Concello abrirá o luns o prazo de inscrición na “II Carreira e andaina pola Igualdade” que se celebrará o vindeiro 5 de marzo


O Concello organiza en colaboración coa Federación Galega de Atletismo a segunda edición da “Carreira e Andaina pola Igualdade”, que se celebrará o vindeiro 5 de marzo. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou a convocatoria acompañada polos edís de Igualdade, Mar Gómez, e Deportes, José Oreona, e anunciou que o prazo de inscrición –a través da páxina: www.carreirasgalegas.com abrirá o vindeiro luns, día 13, e rematará o 1 de marzo ás 23.30 horas. Ferreiro avanzou que se trata dunha actividade enmarcada no programa conmemorativo do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, e incluída no III Plan de Igualdade de Narón. Para calquera das modalidades elixidas, carreira ou andaina e independentemente da idade dos participantes, é imprescindible inscrición previa e recollida de dorsal, tal e como se recalcou dende a organización.

A saída e meta tanto da carreira como da andaina será das inmediacións do pavillón polideportivo da Gándara e o circuíto pola zona da Gándara. A carreira terá dúas categorías, unha infantil, con saída ás 10.00 horas e outra absoluta, dende as 11.00 horas para cinco minutos máis tarde, ás 11.05, dar a saída da andaina. Na andaina poderán participar persoas de todas as idades. O prezo de inscrición é de catro euros para a carreira absoluta e para a andaina, sendo gratuíta para os menores. Estas últimas categorías serán as de prebenxamín (nados en 2016 e posteriores), que percorrerán 100 metros; benxamín-sub 10 (nados en 2014-2015) e alevín- sub 12 (nados en 2012-2013), que percorrerán 500 e 1.500 metros respectivamente; infantil – sub 14 (nados en 2010-2011) que percorrerán tamén 1.500 metros e cadete – xuvenil, sub 16 e sub 18 (nados en 2006-2009 que correrán 2.000 metros. Así mesmo, as absolutas, para nados de 2005 en adiante, terán un percorrido de cinco quilómetros. O límite de participantes estableceuse en 750 para a categoría absoluta, 500 para andaina e 400 nas categorías de menores.
A recollida de dorsais e chips poderase efectuar, tal e como figura nas bases, no pavillón da Gándara o venres 3 de marzo de 16.30 a 20.30 horas; o sábado 14 de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 e o domingo 5 dende as 8.30 ata as 9.30 horas.

En canto aos premios, haberá para as tres primeiras mulleres e homes das categorías absolutas e tamén das non oficiais. A participante feminina de maior idade que remate a carreira tamén recibirá un premio e nas categorías de menores entregaranse pola carreira medallas a todos os participantes. A proba estará controlada polo Comité Galego de Xuíces e ofrecerase servizo de aseos e duchas no pavillón polideportivo da Gándara.

“Un ano máis convocamos este evento, unha proposta máis de cara a dar maior visibilidade á igualdade, que aínda a día de hoxe temos que continuar reivindicando na nosa sociedade para que sexa real entre homes e mulleres”, apuntou Ferreiro. A alcaldesa e os edís de Igualdade e Deportes animaron ás veciñas e veciños de Narón ou doutros concellos que queiran sumarse a este evento a inscribirse e desfrutar desta xornada.