Precisa que se busca rebaixar os xuros daqueles préstamos concedidos para o refinanciamento de pasivos e diminuír estes custos nos créditos relativos ao acceso a circulante
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a aprobación no Consello da Xunta dunha liña de axudas de 10 millóns de euros para mellorar a liquidez das explotacións gandeiras en Galicia. Segundo explicou, trátase dunha nova convocatoria de apoios que contribúe a bonificar os custos financeiros e facer fronte ás garantías requiridas polas entidades bancarias ás empresas do sector.
Feijóo precisou que se busca rebaixar os xuros daqueles préstamos concedidos para o refinanciamento de pasivos e diminuír estes custos nos créditos relativos ao acceso a circulante. Deste xeito, o programa permitirá reducir a custe cero o tipo de xuro dos préstamos outorgados polas entidades bancarias nestes dous campos sempre que os intereses anuais xerados polo crédito non superen os 15.000 euros.
Este límite, explicou, vén determinado pola normativa actual, que establece nesta cifra a contía máxima de axuda que se pode obter para cubrir os gastos financeiros e as comisións de avais. E, no caso de superarse esa cifra, recalcularase a bonificación establecendo un novo tipo de xuro.
O titular da Xunta indicou que as contías dos préstamos deberán oscilar entre os 3.000 e os 200.000 euros, con prazos de entre 5 e 7 anos para o refinanciamento de pasivos; e de 3 e 7 anos para o circulante. No caso de compatibilizar as dúas opcións, o importe máximo será de 300.000 euros, apuntou.
Traballando co sector lácteo e polo sector lácteo
Feijóo cualificou esta medida como fundamental e novidosa para inxectar liquidez nas explotacións galegas, que se suma á moratoria dos préstamos vinculados coa súa mellora ou coa incorporación de mozos á actividade agraria, aprobados hai unhas semanas para a 1.100 explotacións gandeiras en Galicia.
Segundo remarcou, a Xunta quere seguir traballando co sector lácteo e polo sector lácteo, como demostra o feito de que en 2015, entre o xa pagado e o previsto para pagar a curto prazo, xa leva inxectado 148 millóns de euros nesta industria. O obxectivo, proseguiu, é reducir o impacto das dificultades que teñen que soportar as explotacións gandeiras neste momento; e isto é algo que o Goberno galego está a facer, dixo, a curto, medio e longo prazo.
A curto prazo, con medidas como a aprobada hoxe polo Consello, ou axilizando as xestións para anticipar as axudas directas da PAC, 70 millóns de euros, antes de finalizar o ano. A medio prazo, valorizando o produto galego de calidade con campañas como ‘Galega 100%’. E, a longo prazo, promovendo a estruturación do sector, orientando o novo Programa de Desenvolvemento Rural cara a esta industria, á que se destinarán 500 millóns de euros da PAC no horizonte do 2020. E, tamén, apoiando os investimentos industriais no sector e a concentración empresarial para que as empresas e cooperativas poidan ganar tamaño.
O mandatario autonómico asegurou que a Xunta estivo, está e seguirá estando ao carón do sector lácteo por ser un dos principais sectores da economía galega, e como así o demostrou á hora de acadar un acordo pioneiro entre os produtores, a industria e a distribución. E, dentro das medidas de apoio adoptadas, referiuse ao programa de impostos cero no rural anunciado no Debate sobre o Estado da Autonomía, para que ningunha transmisión de predios en solo rústico pague impostos patrimoniais; para que tampouco tribute a transmisión ou ampliación de explotacións agrarias, e que exime aos predios rústicos de ter que aboar o imposto de actos xurídicos documentados.