Salienta que esta lei ten unha relevancia dobre, posto que reforza o control sobre todo o sector público autonómico, de acordo coas demandas dos cidadáns, e salda unha débeda pendente desde o principio da Autonomía co persoal letrado
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que, coa Lei de Asistencia Xurídica, a Xunta culmina nun ano o ambicioso e pioneiro Programa de Impulso Democrático, un dos compromisos asumidos hai un ano no Parlamento de Galicia.
Como lembrou Feijóo, o núcleo deste programa era a elaboración de cinco leis, tres delas propostas pola Xunta de Galicia e dúas polo Grupo maioritario da Cámara. Destas tres, xa foron aprobadas a Lei galega de financiamento dos partidos políticos, que converteu a Galicia na primeira comunidade que prohibe que as formacións se financien con doazóns anónimas ou de persoas xurídicas; e o proxecto de Lei de transparencia e bo Goberno, que está xa no Parlamento de Galicia
Sobre a terceira e última destas leis, a de Ordenación da asistencia xurídica da administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público autonómico, Feijóo sinalou que ten unha relevancia dobre, posto que reforza o control sobre todo o sector público autonómico, de acordo coas demandas dos cidadáns, e salda unha débeda pendente desde o principio da Autonomía co persoal letrado.
Neste senso, lembrou que os servizos xurídicos levaban funcionando desde o ano 1984 baixo o amparo dunha normativa moi básica e que resaltaba, mesmo desde o seu título, que era “provisional”. Agora, ponse punto e final esa provisionalidade coa aprobación dun texto lexislativo completo e moderno, que regula a actividade das letradas e letrados da Xunta, que son fundamentais para garantir o bo funcionamento da Administración autonómica.
As novidades desta nova lei
A este respecto, as novidades máis relevantes deste texto son o control de legalidade que exerce este persoal letrado e que se estende á totalidade do sector público autonómico, incluídos os entes instrumentais da Administración, que serán supervisados polos letrados da Xunta; a ampliación do principio de autoprovisión, isto é, incide en non contratar fóra da Xunta o que se poida prestar con medios propios; e a calidade normativa.
Con respecto a este último punto, o titular da Xunta indicou que se encomenda á Asesoría Xurídica Xeral que vele polo cumprimento das Directrices que unifican os criterios estruturais e formais de todas as normas autonómicas. Isto resultará nun ordenamento xurídico máis claro e homoxéneo. Do mesmo xeito, servizos xurídicos tamén coordinarán os procesos de simplificación administrativa e lexislativa que puxemos en marcha en 2013 e que resultarán nunha redución dun 25% do número de leis vixentes ao final desta lexislatura.
Así mesmo, outra das novidades que achega é que se fai máis eficiente a plantilla de letrados: faise máis flexible ao incluílos nunha única relación de postos de traballo, o que nos facilita redistribuír esforzos segundo as necesidades e redúcese tamén a carga de traballo dos letrados para que se centren no realmente importante, permitindo a outros funcionarios superiores da Administración autonómica que exerzan funcións xurídicas pouco complexas.
A quinta novidade que incorpora é o uso da lingua galega e dos medios electrónicos por parte do persoal da Asesoría Xurídica, en consonancia con dous dos principais obxectivos estratéxicos: o fomento da lingua e a modernización dos procedementos.
Por último, abórdase tamén o baleiro normativo que existía relativo á defensa en xuízo dos empregados públicos e dos altos cargos. Regúlanse estes servizos para que ningunha persoa que sexa culpable dun delito se beneficie dunha asistencia xurídica pagada con fondos públicos.
Por tanto, “remitimos ao Parlamento unha Lei que regula, trinta anos despois, dun xeito completo a Asesoría Xurídica da Xunta e que responde, na nosa opinión ás necesidades das letradas e letrados pero tamén ás demandas da cidadanía galega” aseverou Feijóo. Así, reforza o escrutinio e control ao que se somete a Administración pública, aumenta a eficiencia e o aproveitamento dos recursos propios cos que conta a Xunta e garante que a asesoría xurídica chega a todos os empregados públicos que o precisen e vela polos intereses de Galicia, pero exclúe a aquelas persoas que antepuxesen os seus propios intereses á vocación de servizo público.