Friday 22 de November de 2024

O Turismo en Galicia acadou un novo máximo histórico no mes de setembro ao rexistrar máis de 152.000 turistas estranxeiros


Segundo os datos de FRONTUR publicados no día de hoxe, a nosa comunidade superou nun 33% os turistas estranxeiros rexistrados en setembro do pasado ano

Segundo os datos da Enquisa de Movementos Turísticos en Fronteiras (FRONTUR) publicados no día de hoxe, Galicia rexistrou no mes de setembro un total de 152.691 turistas estranxeiros, un 33% mais que no mesmo mes do pasado ano. Deste xeito, con máis de 150.000 turistas estranxeiros, Galicia acadou un máximo histórico neste noveno mes do ano.

A nivel estatal rexistrouse tamén un incremento da cifra de turistas estranxeiros, do 2,2% neste caso, situándose en máis de 7,1 millóns. En termos de intensidade as comunidades que experimentaron un maior incremento foron A Rioxa – que dobrou a cifra do pasado ano- e Galicia –que superou nun 33% a cifra do 2014-.

Segundo estes datos de FRONTUR, Portugal, co 42,4% dos turistas estranxeiros, o principal mercado internacional en Galicia neste noveno mes do ano. Seguen en orde de importancia Francia -co 14,7%-, Italia -co 8,5%- e Reino Unido –co 7,4% neste caso-.

En termos dinámicos a nosa comunidade rexistrou un comportamento homoxéneo dos seus principais mercados internacionais, con incrementos importantes en todos eles. Destacan por intensidade as subas rexistradas polo mercado alemán –que dobra as cifras do pasado ano- e o italiano –que rexistra neste mes un incremento do 86%-.

Acumulado do ano
En canto aos primeiros nove meses deste ano 2015, Galicia recibiu un total de 933.759 turistas estranxeiros, cifra que supón un máximo histórico na nosa comunidade superando nun 15,1% a cifra do mesmo período do pasado ano 2014.

A nivel estatal produciuse tamén un incremento da cifra de turistas estranxeiros neste período de tempo superando os 54,3 millóns. Neste caso o incremento foi do 3,8%, máis de once puntos porcentuais por debaixo do crecemento rexistrado na nosa comunidade.

Segundo FRONTUR, Portugal, co 45% dos turistas estranxeiros, foi o principal mercado internacional en Galicia nestes primeiros nove meses do ano. Ao mercado portugués, séguenlle en orde de importancia Francia, co 17,8%, e Reino Unido, co 7,5% neste caso.

En termos dinámicos obsérvase un comportamento positivo nos principais mercados internacionais de Galicia, destacando por intensidade o incremento rexistrado polo mercado francés que superou nun 30% o volume de turistas do pasado ano.