Saturday 16 de November de 2024

O alcalde visita xunto a Secretaria de Estado o Hostal dos Reis Católicos que comeza en abril as obras de rehabilitación cunha inversión de 13,5 millóns de euros


A intervención no parador forma parte do programa de rehabilitación, mantemento e envellecemento do patrimonio histórico que impulsan desde a secretaría de Estado de Turismo e con cargo ós fondos europeos Next Generation. Unha inversión que en Santiago é maiúscula, “supón máis da metade do importe global das obras aprobadas polo goberno nos seis establecementos galegos catalogados como Bens de Interese Cultural” explicou o alcalde.

Durante a visita percorreron os lugares nos que se vai a intervir

Sánchez Bugallo confía en que esta inversión sirva para destacar, máis aínda “o papel que xogan as cidades históricas” e, sobre todo, permita reforzar a “imaxe internacional que proxecta Santiago onde a faceta histórica conxúgase coa cultural e coa relixiosa”. O proxecto que dará comezo no mes de abril, por fases, contempla a restauración do edificio, comezando pola Capela Real. Seguirán actuacións de restauración dos claustros interiores renacentistas e o acondicionamento das fachadas do edificio con labores de limpeza, acondicionamento da pedra e mellora da evacuación da auga.

Son en total 13 millóns de euros dos fondos europeos que se despregarán desde este 2023 ata o 2026 que, segundo apuntaba a secretaria de Estado de Turismo “contribúe á diversificación do turismo” poñendo en valor “todo o produto turístico dunha cidade cunha oferta inigualable”. Pilar Murillo destacou desde o que ela mesma cualificou de “corazón do turismo en Galicia”, a gran inversión feita na cidade “roldando os 20 millóns de euros” e que nos leva a “unha mellora da sostibilidade da oferta turística”.

Na visita participaron tamén o director do Hostal, Enrique Gómez, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones e a subdelegada, María Rivas.

Tamén o claustro do Hostal dos Reis Católicos será rehabilitado con esta subvención de 13 millóns de euros da Secretaría de Estado de Turismo

Outra das actuacións que mellorarán a estampa da Praza do Obradoiro é a rehabilitación da fachada do propio Pazo de Raxoi que dará comezo de xeito inminente, posto que xa se están instalando os andamios. “Xa se rematou a primeira fase, que foi cambiar o tellado do Pazo cun importe de preto de 1 millón de euros” e agora, a segunda, contempla arredor de 700 mil para a limpeza e restauración da fachada frontal, que se acometerá tamén por fases.

“Ademais está pendente a licitación das obras de rehabilitación interior cun orzamento de 3 millóns de euros que son aportados polo Ministerio de Industria con cargo a fondos europeos” explicou Sánchez Bugallo. En total, “preto de 5 millóns de euros na rehabilitación e recuperación do Pazo de Raxoi, unha mellora moi notable e o maior investimento que se acomete nos últimos cen anos”.