O Concello da Pobra do Caramiñal renova parte do material do local de ensaio situado no Camiño Ancho, ademais de actualiza-lo estudio de gravación. Para tal fin, adquiriuse novo equipamento: micrófonos, auriculares, soportes…
O investimento achégase aos 5 000 euros e busca, nas palabras do concelleiro da Mocidade, José Andrés Lojo (Nós Pobra), apoia-la creación artística e incorpora-las propostas efectuadas polas persoas usuarias nunha asemblea. Neste senso tamén se pronunciou a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra), quen ratificou o compromiso da Administración local coas distintas agrupacións que fan uso da instalación: Caras B, Moito!, música tradicional, coro…
Para facer uso deste local é preciso cubri-la solicitude pertinente na casa consistorial e efectua-la reserva para ensaiar cando sexa necesario.