• Destinaranse 226.593, 24 euros a tres proxectos de acondicionamento de accesos, 48.000 a gasto corrente e 39.229,48 a Servicios Sociais
• No Plan Único Complementario inclúese a implantación da rede de saneamento separativa na rúa Santa Rosa
O Concello de Laxe levará este venres a pleno extraordinario a aprobación do Plan Único de Concellos 2023 da Deputación da Coruña que ascende a 265.822,72 euros e que, neste caso, se destinará a varias obras de mellora, reforzo de políticas sociais e gasto corrente. A cita será ás 14:15 horas no salón de pleno da Casa Consistorial.
Por unha banda, o Concello pretende destinar o Plan Único de cooperación a obras e servizos, valorado en 226.593,24 euros, a financiar gasto corrente (48.022,53 euros) e obras como a mellora da senda municipal desde Santa Rosa á praia de Soesto (86.478,55 euros), o acondicionamento do acceso e explanada exterior á igrexa parroquial de San Esteban de Soesto (40.252,15 euros) e a mellora e humanización da explanada de aparcamento da igrexa parroquial de San Mamede na Torre (51.840,01 euros).
Pola outra, a través do Plan Único Social, creado para sufragar gastos sociais extraordinarios, usaranse un total de 39.229,48 euros para a contratación de persoal técnico ou administrativo adscrito aos servicios sociais, a ampliación do servizo de axuda no fogar a domicilio e outras medidas consideradas imprescindibles por parte do departamento de Servizos Sociais.
Tamén se levará a pleno a aprobación do Plan Complementario 2023, valorado en 239.066,09 euros, e que se destinarán a obras como a implantación da rede de saneamento separativa na rúa Santa Rosa, a mellora e humanización do acceso á igrexa parroquial de San Simón de Matío e a pavimentación de vías municipais no núcleo de Trasfontáns.