A secretaria xeral da Igualdade Susana López Abella clausurou esta tarde as I Xornadas “Camiñando cara á Igualdade: problemas e solucións na esfera xurídica e psicosocial”
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella reiterou hoxe o firme compromiso do goberno galego para articular unha resposta global e coordinada á violencia de xénero en calquera das súas modalidades a través dunha asistencia integral ás mulleres vítimas e as persoas ao seu cargo.
Susana López Abella clausurou hoxe pola tarde as I Xornadas “Camiñando cara á Igualdade: problemas e solucións na esfera xurídica e psicosocial”, que tiveron lugar na Facultade de Dereito do Campus de Ourense, onde afirmou que o goberno galego invita a participar a toda a sociedade, xunto aos poderes públicos, e reafirma o seu compromiso por fomentar a concienciación cidadá pola igualdade entre homes e mulleres, na construción dunha sociedade libre de violencia contra a muller.
López Abella fixo un relatorio sobre as principais medidas postas en marcha polo goberno galego na loita contra a violencia de xénero, e lembrou que a nosa comunidade é pioneira na articulación das axudas económicas para mulleres vítimas de violencia de xénero, pois ata o pasado ano eramos a única comunidade autónoma do Estado cunhas axudas directas ás vítimas para posibilitarlles a súa independencia económica do agresor e rachar coa situación de violencia.
Na mesma liña, a titular de Igualdade lembrou que a nosa comunidade conta cunha rede de acollemento formada por 5 casas de acollida e do Centro de Emerxencias de Vigo, ademais do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que sofren Violencia de Xénero, situado en Santiago e que se configura coma un centro de referencia e innovador, que ofrece un modelo de atención integral ás vítimas de violencia de xénero desde o inicio do proceso ata a súa completa recuperación.
Ademais de ter en marcha medidas de prevención e sensibilización social da violencia de xénero, a través de campañas informativas, de fomento e apoio ao movemento asociativo, de materiais informativos, de actividades de sensibilización (principalmente no ámbito educativo), actuacións en colaboración cos concellos e programas formativos dos profesionais das distintas administracións públicas: educativo, sanitario, persoal da administración autonómica, das entidades locais, da administración de xustiza e das forzas e corpos de seguridade.