Saturday 16 de November de 2024

Volve o Enreguéifate con catro obradoiros abertos á cidadanía en colaboración co movemento asociativo


Lupe Blanco, a mellor regueifeira de Galicia, será a encargada de dirixilos

O Casino1889, a Escola do Alprende, a Asociación Cultural Nemeth e a Asociación Cultural As Landras súmanse ao proxecto Enreguéifate! Estas catro entidades colaboran co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo para que botes a lingua a pacer nos obradoiros abertos á cidadanía que se celebrarán arredor do Entroido e nos que contaremos coa mellor regueifeira de Galicia: Lupe Blanco.

Toma nota das datas:

• 10 de febreiro, de 19.00 a 20.30 horas, no Casino1889
• 17 de febreiro, de 19.00 a 20.30 horas, no centro social de Oza
• 3 de marzo, de 19.00 a 20.30 horas, na Casa da Xuventude
• 10 de marzo, de 19.00 a 20.30 horas, no centro social de Bértoa

Volve o Enreguéifate a Carballo e queremos reunir máis enerxía ca nunca. Por iso convidámoste a participar e a poñer o teu gran de area para que a regueifa continúe a medrar.
Que é Enreguéifate?
Enreguéifate é un proxecto colaborativo entre os concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, que busca difundir a improvisación oral en verso e contribuír á promoción do uso da lingua galega. Ademais do certame propiamente dito, tamén ofrece formación e unha gala conxunta do Enreguéifate e do Regueifesta, que se celebrará o 14 de abril de 2023 no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela.
E lembra que o prazo para participar no certame de Enreguéifate está aberto ata o 10 de marzo!