Friday 22 de November de 2024

Alternativa de Bergondo reclama a gratuidade da peaxe da AP-9 ante as obras da N-VI en Guísamo


O voceiro municipal de Alternativa dos Veciños, Juan Fariña, dirixiuse por escrito á alcaldesa para que inicie conversas con alcaldes e alcaldesas da comarca conducentes a constituír un grupo de concellos que poñan enriba da mesa, coa forza reivindicativa necesaria, perante a administración competente, unha petición/demanda potente que leve á supresión da peaxe da autoestrada, que se fai urxente para evitar graves problemas de mobilidade nun horizonte temporal máis próximo do que cabería prever ou agardar.

“Parece claro que a solución terá que pasar por converter o tramo de autoestrada AP9 na nosa comarca nunha vía libre de peaxes. Algo que, dende a perspectiva das obras en curso presentes e futuras, suporía neste momento un importante alivio para o tráfico e un factor de reducción de molestias fundamental para moitísimas persoas. Agora ben, se enfocamos a visión cara a ese medio prazo ao que veño de facer referencia e a ese presumible colapso que os expertos auguran, parece lóxico deducir que a gratuidade da AP9 debera ter carácter indefinido no futuro”, dixo Juan Fariña.