● A axenda de actividades abarca os días 18, 19, 20, 21, 24 e 25 de febreiro.
● O desfile celebrarase o domingo 19 de febreiro ás 17 horas, con saída desde o polideportivo municipal.
O Concello de Cariño publicou a programación de actividades para o Entroido 2023, que se celebrará durante os días 18, 19, 20, 21, 24 e 25 de febreiro e que inclúe diferentes opcións de lecer, que van desde as festas e animación para os máis pequenos ou os concertos ao teatro rueiro e ao tradicional desfile.
O Entroido de Cariño comezará o sábado 18 de febreiro coa festa infantil no polideportivo municipal, que se celebrará de 17 a 20 horas e na que se poderán degustar produtos típicos do entroido elaborados polas Amas de Casa de Cariño. Logo, a partir das 21 horas, haberá un pasacalles a cargo de Louband e Mekánica Rolling Band. Xa ás 00:00 horas, na Praza Vermella, actuarán Extraordinarios Team e Discomóbil Party.
O domingo 19 de febreiro é o día elixido para a celebración do tradicional concurso e desfile de disfraces, que repartirá 3.345 euros en total en premios para todas as categorías. As inscricións están abertas ata o xoves 16 de febreiro ás 14 horas e as bases poden consultarse na web municipal www.concellodecarino.gal.
Para o luns 20 de febreiro programouse un pasacalles ás 22 horas a cargo da charanga Santa Compaña e ás 00:00 horas, na Praza Vermella, haberá unha actuación de Dream Team e Discomóbil.
O martes 21 de febreiro o pavillón municipal acollerá unha xornada de animación infantil de 17 a 20 horas e o venres 24 de febreiro, ás 18:30 horas, Javier Ariza interpretará na Praza Vermella a súa comedia rueira ‘CARMAN’. A entrada é gratuíta e a sesión é apta para todos os públicos.
Por último, o sábado 25 de febreiro, ás 19 horas comezará a ‘Queima do Entroido’, un pasacalles que comezará desde o almacén á altura do BBVA ata a Praza Vermella, acompañado da Batería do Cariño. Na praza haberá unha actuación de Pablo Balseiro Trío.