Friday 22 de November de 2024

A Xunta ofrece coidados sociosanitarios gratuítos aos veciños de máis idade do Pino


— As consultas en podoloxía, estimulación da memoria e audioloxía están dirixidas a persoas maiores de 55 anos

— Os interesados teñen que pedir cita previa a través dos números de teléfono 622 748 283 ou 623 546 992 ou do enderezo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, resaltou hoxe a aposta da Xunta polos servizos de proximidade para que todos os galegos poidan acceder a eles vivan onde vivan. Díxoo durante unha visita á unidade móbil do programa de Coidados porta a porta, que desde hoxe e ata pasado mañá, venres, atenderá aos veciños de máis idade do Pino nas inmediacións do centro de saúde.

Antón Acevedo, que estivo acompañado do alcalde do Pino, Manuel Taboada, destacou o éxito que ten esta iniciativa, que permitiu que, ata o momento, arredor de 30.000 galegos de máis de 55 anos de idade recibiran atención gratuíta en podoloxia, audioloxía e estimulación da memoria, e sen necesidade de desprazarse lonxe do lugar onde residen. As persoas interesadas só teñen que pedir cita previa nos números de teléfono 622 748 283 ou 623 546 922, ou ben no correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xuntal.gal.

Esta é a segunda parada que o autobús de Coidados porta a porta fai no Pino. Na primeira, que tivo lugar a finais de setembro de 2022, un total de 73 veciños recibiron coidados sociosanitarios. O programa regresará por terceira vez a esta localidade en setembro deste ano.

Atención de proximidade
O director xeral sinalou que o Executivo autonómico ofrecerá cada vez máis servizos ao carón dos lugares onde viven os maiores, porque iso é o que prefiren cando se lles pregunta onde queren ser atendidos. Neste sentido, referiuse ao reforzo de programas como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e a Teleasistencia, así como a creación dun centenar de casas do maior.