Celebraranse dúas sesións, o 14 e o 16 de febreiro, en horario de tarde no Apeadoiro do Areal
A área de igualdade do Concello de Cabanas organiza a próxima semana unha formación en defensa persoal fronte violencias machistas dirixida a mulleres, en colaboración coa Federación Galega de Loita.
O curso celebrarase en dúas sesións, o martes 14 e o xoves 16 de febreiro, en horario de 16.00 a 20.00h, e as persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente enviando os seus datos a igualdade@cabanas.gal ou chamando ao 649 075 263.
Serán profesionais cualificados da Federación Galega de Loita, con experiencia en técnicas de intervención en violencia de xénero, as que se encargarán de formar ás mulleres participantes nos cursos. Durante a formación, tamén se fará entrega de material informativo e de sensibilización, así como un diploma que acredita a participación das mulleres a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).
A formación conta con financiamento da Xunta de Galiza, no marco de colaboración coa Federación Galega de Loita para a prevención de situacións de violencia machista.