Cara a estas datas do Entroido, o Concello da Pobra do Caramiñal prosegue na súa aposta pola conciliación co obradoiro destinado a crianzas da infantil e da primaria.
Este servizo ofértase para os días 20, 21 e 22 de febreiro e, igual ca en anteriores ocasións, transcorrerá dende as 09.00 ata as 14.00 horas, no CEP Salustiano Rey Eiras, segundo concretan a concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), e a axente de igualdade, Carolina Rodríguez.
O prezo total é de 9 euros por nena/neno, pero aplicarase un desconto do 50% á segunda irmá ou irmán e será de balde para o/a terceiro/a.
A maiores, achégase a opción dos servizos de Madruga e Comedor (cómpre consulta-las condicións).
A data límite de inscrición establécese no 17 de febreiro e o trámite formalizarase no Departamento da Igualdade, situado fronte á casa consistorial.
Continúa tamén operativo o Espazo de Coidados Corresponsables para conciliar polas tardes. Trátase dunha prestación municipal de balde ao abeiro do Plan Corresponsables promovido e financiado con fondos procedentes do Ministerio da Igualdade.
Máis información no enderezo electrónico igualdade@apobra.gal ou no teléfono de contacto 981832764, marcando a opción 6.