O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado dos concelleiros de Medio Ambiente, Mila Castro, e de Obras e Mobilidade, Gonzalo Muíños, reuniuse onte cos afectados e afectadas pola senda peonil de Marantes aos que se lle solicitou a cesión de parte das súas parcelas para poder executar esta infraestrutura. Aproveitarase un dos tramos da senda para instalar a rede de saneamento, tal e como solicitaron os veciños e veciñas da zona.
A senda, que está previsto executar ao abeiro do POS da Deputación da Coruña, vaise dividir en dous tramos de 1,80 metros cada un. O primeiro, de 120 metros de longo, abrangue desde o cruce do Camiño Inglés coa estrada de Busto. Conta cun orzamento base de licitación, IVE engadido, de 46.835,54 euros. E un segundo tramo, que corresponde á travesía do Camiño Inglés no lugar de Cortos, de 50 metros na marxe dereita e de 280 metros na marxe esquerda, que conta cun presuposto de 135.167,36 euros.
O obxectivo destas actuacións é a creación dunha senda peonil que contribúa a mellorar a mobilidade aplicando criterios de seguridade viaria, funcionalidade e accesibilidade. Segundo o proxecto, o pavimento estará composto por 15 centímetros de formigón sobre 15 centímetros de zahorra e 25 de solo seleccionado. Para rede de drenaxe empregarase canalización de polipropileno de 400 milímetros de diámetro, pozos de rexistro e sumidoiros. Tamén disporá dun tubo de polipropileno de 90 milímetros de diámetro, coas correspondentes arquetas prefabricadas, para a canalización do alumeado público.