Friday 22 de November de 2024

Lousame acollerá un seminario intensivo de defensa persoal feminina dirixido a mulleres de entre 14 e 70 anos de idade


Lousame acollerá o vindeiro 4 de marzo un seminario intensivo de defensa persoal feminina, promovido pola Deputación da Coruña. Unha iniciativa dirixida a mulleres empadroadas na provincia con idades comprendidas entre os 14 e os 70 anos de idade. O seminario terá unha duración de catro horas e será de carácter gratuíto. Haberá un máximo de 70 prazas dispoñibles, tendo as persoas que inscribirse entre o 14 e o 28 de febreiro na web da Deputación Provincial.

A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, anima ás veciñas de Lousame a participar neste seminario “no que terán a oportunidade de aprender e ensaiar técnicas de autodefensa e protocolos de actuación ante unha situación de perigo. Unha iniciativa que vén complementar o curso de autodefensa para mulleres que organizamos o pasado mes de decembro en colaboración coa Federación Galega de Loita e a Secretaría Xeral de Igualdade”.

Lousame é un dos oito municipios, o único da comarca do Barbanza, que acollerá este seminario intensivo de defensa persoal feminina. As outras citas na provincia son Aranga (18 de febreiro), Tordoia (8 de abril), Vimianzo (22 de abril), Valdoviño (6 de maio), Ponteceso (20 de maio), Santiso (3 de xuño) e Betanzos (10 de xuño).