Friday 22 de November de 2024

Máis de 550 veciños e veciñas de Ordes desfrutan das actividades culturais e deportivas organizadas polo Concello


Polo número de asistentes destacan as clases de debuxo e pintura, as de patinaxe e as sesións de zumba e Pilates

Máis de 550 veciños e veciñas de Ordes desfrutan das actividades culturais e deportivas postas en marcha polo Concello. Destaca de maneira especial o interés que suscitan as clases e actividades de debuxo e pintura tanto no caso dos adultos como no dos nenos e nenas, con arrredor de 200 asistentes en total.

Tamén o deporte e a actividade física atrae a un bo número de ordenses. Neste apartado sobresaen as clases de patinaxe con 100 aisistentes, así como as de zumba cuns 70, Pilates con 56, Ioga 35, aeróbic e ximnasia con material con preto de 30 e as de baloncesto con máis de 15 deportistas.

Outra actividade de gran interese para a veciñanza é a cociña. Este ano os cursos infantís, con grupos cuxas idades van dende os 3 ata os 12 anos, contan con arredor de 30 futuros chefs, mentres que as de adultos superan os 15. Os sábados pola mañá é o turno das clases de informática, nas que neste ano se inscribiron preto dunha trintena de persoas.

A parte de todas estas disciplinas hai que ter en conta tamén as actividades de baile moderno, en liña para adultos e de salón, así como os dos obradoiros artesanais, cuxos grupos aínda se están formando.