Véñennos aí as datas máis irreverentes do ano. Tempo de vestirnos do que non somos, de andar de máscara e de rir a cachón facendo bromas detrás da careta. Os días do Entroido son desde sempre días de festa e aínda que a tradición fose a menos nos últimos anos (e a pesar da interrupción que supuxo a pandemia) tanto o Concello de Moeche como as entidades veciñais traballan para darlle un novo impulso, tal e como mostra a programación que nos teñen preparada desde este domingo 12 de febreiro.
Domingo 12 de febreiro, 14:30h – Cocido de Entroido da AVV Labacengos.
A veciñanza de Labacengos -e quen queira sumarse a ela- volverá reunirse no domingo de Entroido no local social do Ventoeiro para degustar un completo menú composto por sopa, cocido, doces típicos, café e licores. O prezo é de 15€ para persoas socias, 19€ para as que non pertenzan á asociación veciñal e de balde para a rapazada menor de 12 anos.Durante a tarde haberá música e un concurso de disfraces. Hai que anotarse o antes posible chamando ou enviando un whatsapp ao 606 729 038.
Sábado 18 de febreiro, 14:00h – Cocido de Entroido da AVCR Val de Moeche
Á fin de semana seguinte, nova cita coa fartura e co mesmo menú no local social do Pereiro, en San Xurxo, onde a asociación veciñal e cultural Val de Moeche tamén organiza un xantar entroideiro: sopa, cocido, sobremesas variadas, café e licores ao prezo de 12€ as persoas socias e de 16€ as non socias. Depois de xantar sen apuros tamén haberá baile de máscaras. Apuntan no teléfono/whatsapp 662 926 160.
Martes 21 de febreiro (festivo local), 17:00h – Entroido na Nave do Mercado
O día grande do carnaval vivirase en Moeche cunha grande festa organizada polo Concello en colaboración coa ANPA do CEIP San Ramón. Unha cita aberta a todas as idades pero cun protagonismo especial para a xente miúda, que contará con inchables, cama elástica e xogos ao ritmo da música.
Ademais tamén volve o concurso de disfraces con premios nas categorías individual infantil, individual adulta (máis de 12 anos) e grupos. Os premios entregaranse trala deliberación do xurado, a iso das 18:45h e antes de rematar a tarde servirase chocolate con churros.
Sábado 4 de marzo, 21:00h – Cea baile da Comisión de Festas de Abade
Pasado o carnaval, e encarando xa a primavera, a comisión de festas de Abade 2023 organiza unha cea baile na Nave do Mercado. A parte gastronómica inclúe sopa de marisco, codillo asado, sobremesa, café e licor, ao prezo único de 20€. As nenas e nenos ata 12 anos terán menú infantil gratuíto. Da parte musical encargaranse Alberto Bellón e o Dúo D’Ases.
As reservas poden facerse ata o día 28 de febreiro chamando ao 669 433 488, 649 287 881 ou 664 215 573. Hai máis información na páxina de Facebook “Comisión Festas Abade 2023”.