Friday 22 de November de 2024

A asociación Agro da Pobra constitúese formalmente con preto dunha decena de participantes


Coa finalidade de aproveita–los excedentes agrarios do ámbito local, a Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal botou a andar a finais de 2021 o proxecto Agro da Pobra, constituído xa como asociación coa participación de preto dunha decena de persoas. Actualmente atópase na fase de difusión da súa folla de ruta, coa clara aspiración de seguir medrando. De feito, non se limita unicamente á veciñanza con hortas, pois contarase tamén con bancais colectivos nun terreo situado na zona da Laxe, en Cabío.

Ao longo de todo o mes de febreiro desenvolveranse unha serie de sesións informativas abertas a toda a cidadanía para dinamiza-la agrupación e que máis xente se involucre nela, ben sexa na parte da venda ou na da compra dos alimentos. Anúnciano así a concelleira da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra), e o presidente desta nova entidade agraria, Antonio González.

Os encontros arredor desta iniciativa terán lugar no centro sociocultural do Vilariño (día 8), no centro sociocultural da Angustia (día 9), no local da Comunidade de Montes de Santo Isidro (día 10), no centro sociocultural de Santa Cruz (día 13) e no centro sociocultural da Ribeiriña (día 14). Todos eles serán ás 19.00 horas.

A maiores, impartirase a segunda edición das xornadas formativas de iniciación á horta ecolóxica a cargo de Sachos á Rúa, representada por Manuel González no acto. As clases teórico-prácticas transcorrerán nos días 15, 17, 22 e 24 de febreiro e 1 e 3 de marzo, no centro sociocultural da Angustia, en horario de 17.00 a 19.00 horas. Requírese a inscrición previa a través do teléfono de contacto 981843280, marcando a extensión 2035, ou do enderezo electrónico promocion.economica@apobra.gal. Ofértanse 20 prazas.

Entre os obxectivos de Agro da Pobra figuran pór en valor a produción agrícola das pequenas explotacións do concello; fomenta-lo consumo de alimentos de calidade e de proximidade (quilómetro 0); xerar actividade económica a partir dos produtos de tempada; dinamiza-lo comercio local, neste caso, a través dunha plataforma dixital; fomenta-la actividade agraria; e promover un estilo de vida saudable e sostible.