Friday 22 de November de 2024

O Concello promove o programa Agra no Ágora, que comeza este mércores coa obra teatral ‘As fillas bravas de Momán’, de Chévere


Durante este ano programaranse actuacións musicais e teatrais, palestras e exposicións vinculadas á cultura galega

Todas as actividades serán de entrada libre ata completar capacidade

Este mércores 8 de febreiro comeza unha nova edición do programa cultural Agra no Ágora, que se levará a cabo no centro sociocultural Ágora. Estas actividades están promovidas polo Concello da Coruña e organizadas en conxunto coa Asociación Veciñal Agra. O seu obxectivo é a difusión da cultura galega entre a cidadanía con diferentes propostas teatrais ou musicais durante o ano.

O programa comezará este mércores coa representación de ‘As fillas bravas de Momán’, da compañía teatral Chévere. A actuación comezará ás 20.15 horas e, como todas as actividades, será de entrada libre ata completar capacidade. A compañía, gañadora do Premio Nacional de Teatro no 2014, regresa á cidade tras o éxito das súas funcións de decembro no Ciclo Principal do Teatro Rosalía de Castro, onde representou NEVERMORE e Curva España.

A programación continuará o xoves 20 de abril coa actuación musical do grupo Banda Xangai.

Tamén están previstos os concertos de Fiandola e Parabéns (18 de maio) e Barahúnda e Cantometrics (27 de xullo). Por outra banda, a agrupación teatral A Panadaría volverá a representar na cidade a súa obra ‘As que limpan’ o 19 de outubro.

Ademais, o programa Agra no Ágora tamén ofrecerá diferentes palestras de actualidade e exposicións durante os vindeiros meses. O Concello da Coruña busca promover con este tipo de iniciativas actividades de interese nos diferentes barrios da cidade, da man do seu tecido asociativo.