O programa busca achegar á mocidade as distintas especialidades deportivas practicadas por mulleres na cidade
Este ano hai 76 grupos de 25 centros escolares inscritos e 22 entidades deportivas colaboradoras
O Concello da Coruña retoma a partir deste luns 6 de febreiro as actividades do programa ‘Mais rápidas, máis altas, máis fortes’ cunha sesión de práctica de esgrima a cargo do club 100tolos no CEIP Zalaeta. Con esta iniciativa, o Goberno municipal, a través do grupo Deporte e Muller do Consello Municipal do Deporte, busca achegar á mocidade as diferentes especialidades deportivas practicadas na cidade por mulleres.
Un total de 22 entidades deportivas da cidade colaboran neste proxecto, aportando deportistas, adestradoras, directivas ou árbitras que contan ao alumnado a súa experiencia.
Trátase de charlas teórico-prácticas divulgativas nos diferentes centros escolares que participan. Algunhas das modalidades deportivas que forman parte do programa son o atletismo, ximnasia rítmica, patinaxe, piragüismo, petanca, artes marciais, halterofilia, esgrima, montañismo, rugby, fútbol, fútbol gaélico ou deporte adaptado.
Nesta segunda edición, que comezou en novembro, inscribíronse 76 grupos de 25 centros escolares. O obxectivo é superar o número de xornadas levadas a cabo na primeira edición, un total de 25. Ata o mes de maio, diferentes clubs e entidades asistirán a sesións nos centros de ensino.