Sobre a seguridade dos produtos cosméticos xira a nova sesión do ciclo Contando Ciencia
A doutora en Farmacia Carmen García Jares é a nova convidada ao ciclo Contando Ciencia que continúa este xoves, 9 de febreiro, cunha conferencia sobre a “Seguridade dos produtos cosméticos”. O acto terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura de Fene a partir das 19.30 horas, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Carmen García Jares é catedrática de Química Analítica na USC. Realizou a súa formación postdoutoral no Institut d’Oenologie-Diréction Générale de la Concurrence, de la Consommation et de la Représsion des Fraudes (DGCCRF, Ministère de Finances, Bordeaux, Francia).
Ao longo da súa traxectoria investigadora seguiu varias liñas de traballo centrándose, por un lado, na caracterización de produtos naturais (destacando a uva e o viño) e os subproductos derivados da súa transformación, para mellorar a calidade do produto e atopar novas aplicacións para a valorización dos residuos. Tamén se interesou polo control ambiental, achegando metodoloxías máis simples e limpas para a análise de contaminantes prioritarios e emerxentes, e os subprodutos da súa degradación, E, por último, traballou no desenvolvemento de metodoloxías para o control analítico e a seguridade dos produtos de consumo e de coidado persoal, tendo en conta tamén os seus produtos de degradación.
Desde 2010 é coordinadora do Grupo de Investigación LIDSA (Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas) da USC. Membro do Comité Editorial da revista Cosmetics, recentemente editou un volume especial dedicado ás tendencias no desenvolvemento de produtos cosméticos e á problemática do seu control analítico. É membro da Sociedade Española de Química Analítica, da Sociedade Española de Cromatografía e Técnicas Afíns e da Sociedade Española de Espectrometría de Masas. É membro da Asociación Española de Normalización, e participa activamente no Comité Técnico sobre conservantes e antioxidantes de cosméticos.
Organizado pola Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene, o ciclo Contando Ciencia ten como obxectivo achegar a ciencia á poboación en xeral.
O programa desenvólvese na Casa da Cultura de Fene un xoves (ou martes) ao mes, con entrada libre e de balde até completar o aforo. As vindeiras sesións do ciclo serán con: Fran Canosa, doutor en Xeoloxía, cunha conferencia titulada “Galicia, un paraíso xeolóxico” (9 de marzo); Bea Hervella, meteoróloga, que falará sobre “O cambio climático en Galicia” (20 de abril); e María Canosa, enxeñeira de Camiños e escritora, que pechará o ciclo falando sobre “Máis vale maña que forza”.