“O BNG terá un resultado histórico e vai ser o motor do cambio real que precisa este gran concello para aproveitar todo o seu potencial”, destaca
Puxo en valor o traballo feito polo Bloque desde o Executivo local, logrando unha Pobra máis social, inclusiva e con máis benestar. “Que mellor aval para pedir a confianza da veciñanza!”, subliñou
A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación de Amparo Cerecedo como candidata á Alcaldía da Pobra do Caramiñal, onde amosou o seu convencemento de que o BNG vai ter un resultado histórico nas eleccións municipais do 28 de maio e que, liderando o goberno local, vai abrir un tempo novo de futuro no concello.
“Non teño ningunha dúbida de que o BNG vai ter un resultado histórico na Pobra, que vai ser o motor do cambio real e que Amparo vai liderar o próximo Goberno municipal para darlle un futuro mellor a este gran concello”, proclamou, tras destacar o gran traballo realizado pola formación nacionalista desde o Executivo local a través das súas áreas de responsabilidade.
“En pouco máis de dous anos o BNG fixo da Pobra un concello máis social, máis solidario, máis inclusivo, máis participativo e con máis benestar social. Co traballo de Xabier e de Amparo demostramos a nosa capacidade de xestión, de transformación en positivo, a nosa capacidade de mellorar a vida das persoas, como facemos en todos os concellos nos que gobernamos”, argumentou a líder nacionalista, quen ve nesa eficiente xestión do Bloque a mellor carta de presentación ante a veciñanza de cara á cita electoral.
“Que mellor aval que ese traballo ben feito a favor dos veciños e das veciñas para presentarnos o próximo 28M e pedirlles o seu apoio? Por iso, non teño ningunha dúbida de que o BNG vai ter un resultado histórico na Pobra do Caramiñal e que Amparo vai ser a próxima alcaldesa para darlle un futuro mellor a este gran concello”, resalto, “non nós poñamos límites, saiamos a por todas para ganar un futuro mellor para A Pobra”.
Pontón destacou todo o potencial dun concello “extraordinario”, con sectores produtivos puxantes como o mar-industria; cun patrimonio natural e paisaxístico que lle permite desenvolver un turismo responsable e de calidade; cun tecido económico local que pode dar moito máis. “A Pobra precisa un goberno liderado por unha persoa con ideas e cun proxecto claro para facelo avanzar. Esa persoa e Amparo Cerecedo e ese proxecto político é o que representa o BNG a favor da Pobra e a favor de Galiza”.
En pouco máis de dous anos, o Bloque deixou claro do que é capaz con propostas que fixeron da Pobra un concello mellor, resaltou, citando como exemplos algunhas das actuacións impulsadas: fomentando a igualdade, axudando ás persoas e ás familias con menos recursos nun momento de crise; con programas para a infancia e a mocidade; promovendo a participación veciñal; fomentando a accesibilidade e unha mobilidade segura ou apostando pola inclusión social efectiva.
Defensa dos servizos públicos
Pontón destacou especialmente a defensa que o BNG fai dos servizos públicos, moi en particular da sanidade, “e aí está todo o traballo, man a man coa deputada da comarca Rosana Pérez, que como sabedes non pode estar máis implicada coa Pobra, para mellorar a atención sanitaria da veciñanza, tanto no centro de saúde como no hospital do Barbanza”.
Ademais de traballar por un concello máis social e inclusivo, o BNG tamén fixo un gran labor de impulso do tecido económico local e creación de emprego, apostando pola inserción laboral; con propostas innovadoras no sector conserveiro; reclamando un plan de saneamento integral das rías ou defendendo que se mellore o transporte público e as instalacións portuarias estratéxicas.
Inconformismo para seguir avanzando
“O BNG fixo da Pobra un concello máis social, máis inclusivo, con máis servizos, con máis dereitos e con máis benestar. Pero hai que seguir avanzando, non nos conformamos, queremos que A Pobra desenvolva todo o seu potencial, que sexa o gran concello que pode ser”, destacou a portavoz nacional, convencida de que esas ganas de avanzar son compartidas pola maioría da veciñanza.
“Sei que este é un desexo que comparte a maioría dos veciños e das veciñas, por iso, estou segura que o BNG vai ter un resultado histórico e que Amparo será unha gran alcaldesa ao servizo da xente, capaz de abrir un tempo novo na Pobra, un tempo de progreso no económico e no social, con máis servizos, un tempo de futuro no que a Pobra sexa, máis que nunca, un lugar para vivir e para traballar”, proclamou.
Momento de retos ante a crise
Na súa intervención, Pontón tamén fixo referencia ao contexto complexo, no medio dunha crise de prezos que soben máis en Galiza, pese a ter salarios por debaixo da media e as segundas pensións máis baixas de todo o Estado. Por iso, o Bloque vai seguir presentando alternativas viábeis para unha saída galega e xusta a esta crise, como a defensa dos servizos públicos, particularmente a sanidade.
“Porque, fronte ao PP que leva trece anos de recortes e privatizacións, o BNG defende a sanidade pública, porque temos dereito á saúde con independencia dos cartos que teñas na conta corrente. Por iso, o próximo 12 de febreiro, todos e todas en Santiago, para defender unha sanidade pública libre de recortes e privatizacións, porque coa saúde non se xoga”, subliñou.
Alternativas xustas, porque fronte ao espolio eólico que promove o PP para que as eléctricas se sigan forrando, o BNG defende a tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz as familias e as empresas, que para algo estamos nun país rico en electricidade.
Alternativas sociais e xustas, afondou, tamén ante a subida das hipotecas. 175.000 familias teñen unha hipoteca que sobe de media 250€, mentres a banca ten beneficios obscenos. O BNG propón un plan de rescate hipotecario pagado pola banca para axudar as familias hipotecadas con menos ingresos. “Se se pudo gastar 90.000 M€ no rescate bancario por que non ás familias?”, interpelou.
“Galiza precisa un cambio de rumbo e estou segura de que neste 2023 imos dar importantes pasos adiante para conseguilo, imos seguir traballando con rigor, con humildade sabendo que somos a esperanza de moitos galegos e galegas para construír esa outra Galiza posible, concello a concello. Imos facer historia na Pobra e despois imos facer historia en Galiza!”, concluíu.