Infraestruturas está a actuar sobre unha superficie de 700 metros cadrados no tramo que conecta a rúa con San Andrés e Galera, co obxectivo de reforzar a seguridade peonil e a resistencia do firme
O Concello da Coruña, a través do servizo municipal de Infraestruturas, dá continuidade estes días aos traballos de reforma no pavimento da rúa Torreiro, onde se puxo en marcha, hai dúas semanas, unha intervención orientada á substituír os materiais do firme actual co obxectivo de reforzar a seguridade peonil e tamén a durabilidade do solo.
As obras céntranse, moi en concreto, no sector norte de Torreiro, tramo que conecta coas rúas de San Andrés e Galera. A superficie na que se está actuar, de aproximadamente 700 metros cadrados, abrangue especificamente os dez caños situados no percorrido central da rúa Torreiro, construídos a base de pezas de pizarra agás nas súas interseccións entre caño e caño, onde se empregou granito do país. É precisamente este último material o que se está a implantar na totalidade da rúa, pola súa resistencia e utilidade fronte ao desgaste e ante o paso do tempo.
As obras na rúa Torreiro comezaron a mediados de xaneiro e, na actualidade, os operarios xa superaron o ecuador dos traballos, completando seis dos dez caños que se prevé reformar por completo. O prazo estimado polo servizo de Infraestruturas para completar esta intervención é a mediados de febreiro, sempre e cando as condicións climatolóxicas así o permitan.
Conservación do trisquel na confluencia de Torreiro coa rúa de San Andrés
Infraestruturas tamén está a aproveitar esta actuación para acometer a renovación das pezas de pizarra que compoñen o trisquel decorativo existente no cruzamento da rúa Torreiro con San Andrés. Mantense, así, a estética desta peza xa integrada desde hai anos na paisaxe do rueiro municipal no centro da cidade.