• O Entroido de Laxe celebrarase por partida doble os domingos 19 e 26 de febreiro
• As bases para participar no II concurso de disfraces e no III certame de escaparates entroideiros atópanse na web municipal
O Concello de Laxe presenta o LaxEntroido, unha programación especialmente deseñada para desfrutar do Entroido por partida doble, xa que as celebracións desenvolveranse os domingos 19 e 26 deste mes.
A primeira xornada será a grande, co desfile e concurso de disfraces. A programación para este día inclúe pasarrúas a cargo da banda de gaitas Maruxía, de 12:00 a 14:00 horas; o desfile de Entroidos e Comparsas ás 17:30 horas, que será inaugurado por D. Caietano e que ademais estará amenizado polos bonecos de ‘Fanfarria Brassica Rapa’; e unha gran festa no polideportivo municipal a partir das 18:30 horas con inchables, bailes, animación, chocolate e filloas de balde grazas á colaboración da Asociación Amas de Casa de Laxe.
Este primeiro domingo tamén terá lugar o II certame participativo de Entroido no que se repartirán premios de 50, 100 e 200 euros entre as diferentes modalidades participantes: individual, grupal e de comparsa. Tamén haberá un premio especial de 50 euros para o mellor cabezudo do LaxEntroido. As inscricións para participar neste certame están abertas ata o 17 de febrero.
A segunda xornada deste LaxEntroido, programada para o domingo 26, centrarase no Enterro do Caietano co seu tradicional velorio e misa cómica na praza dos Voluntarios ás 18:30 horas. Posteriormente celebrarase o desfile de despedida animado por ‘Latexo Percusión’, que finalizará na praza de Ramón Juega para dar paso á queima pirotécnica do Caietano. Ademais, no propio lugar haberá unha gran festa coa actuación de DJ Rokiño.
III CERTAME DE ESCAPARATES ENTROIDEIROS
Ademais do concurso de disfraces tamén se celebrará o III certame de escaparates Entroideiros, cuxa finalidade é contribuír á dinamización e promoción do comercio local no municipio. O prazo de inscrición abrangue desde este luns 6 ata o vindeiro venres, 17 de febreiro, ás 12:00 horas.
Finalizado este prazo, persoal do Concello de Laxe será o encargado de fotografar os escaparates ou entradas dos establecementos participantes para compartir as imaxes na web e Facebook municipais, ademáis de no servizo de mensaxería NovasLaxe.
As votacións poderán realizarse entre os días 20 e 24 (ata as 11:00 horas), ambos inclusive. O método é o de sempre: as persoas participantes deberán reaccionar cun ‘gústame’ na fotografía que máis lles guste das que se compartan en Facebook ou enviar unha mensaxe de WhatsApp a NovaLaxe co seguinte texto “VOTO COMO MELLOR ESCAPARATE ENTROIDEIRO DO 2023 A (nome do local/ comercio)”. No caso de que unha mesma persoa comunique varios votos só se terá en conta o primeiro emitido cronoloxicamente.
O establecemento gañador recibirá un diploma e agasallo conmemorativo.
As bases de ambos os certames poden consultarse na páxina web do Concello de Laxe.