Friday 22 de November de 2024

Carral prepárase para un Entroido con moita música e con máis de 1.500 euros en premios


· As actividades celebraranse o domingo, 19 de febreiro, no Campo da Feira

Carral xa ten todo organizado para festexar o seu particular Entroido que este ano contará con animación, moita música e cun desfile e concurso de disfraces no que se repartirán máis de 1.500 en premios. A cita será o domingo, 19 de febreiro, no Campo da Feira onde haberá carpa, bochinche e tamén bolos preñados.

As actividades comezarán ás 17:00 horas cos ‘Polis tolos’, quen poñerán o toque de humor e animación á tarde para, ás 18:00 horas, dar comezo ao desfile cuxa entrega de premios se realizará a partir das 20:30 horas.

A música soará desde as 19:00 horas coa actuación de Ángel Habana e tamén co espectáculo de Extraordinarios, previsto para as 23:00 horas.

Un concurso con máis de 1.500 euros en premios

Este ano o Concello repartirá un total de 1.600 euros en premios entre todas as categorías.

No caso dos disfraces infantís, recibirán agasallo os cinco nenos e nenas que vistan as súas mellores galas entroideiras. A maiores, outorgaranse outros nove premios entre as modalidades individual, por parellas e en grupo. Os galardóns serán os que a continuación se indican:

Categorías individual e por parellas:

1º premio: 150 euros

2º premio: 100 euros

3º premio: 50 euros

Categorías por grupos:

1º premio: 500 euros

2º premio: 300 euros

3º premio: 200 euros

As persoas participantes no concurso poderán comezar a desfilar a partir das 18:00 horas con saída desde o Campo da Feira. Desde ese punto, a comitiva pasará polas rúas Víctor Velasco, Manuel Ferrol, Paraíso e pola Avenida dos Mártires para voltar, de novo, ao punto de partida. Tras o remate do percorrido, un xurado encargarase de elixir aos reis e raíñas deste Entroido. Para este ditame o tribunal terá en conta aspectos como a orixinalidade, a simpatía, o vestiario e a maquillaxe das persoas participantes.

O prazo de inscrición para participar no concurso rematará o próximo venres, 17 de febreiro, ás 12:00 horas. Na páxina web municipal hai habilitado un formulario para anotarse que deberá ser remitido ao correo casadacultura@carral.es.

Máis información chamando ao teléfono 981 67 25 80.